Pontedeume celebra estes días as súas festas por excelencia, as das Peras, en honor da Virxe das Virtudes e de San Nicolás de Tolentino, patróns da vila. O programa "Aquí Galicia" da TVG non quere perder esta cita e por iso se traslada hoxe en directo a esta localidade coruñesa.

Os espectadores coñecerán de preto os elementos máis destacados desta festa, entre os que están a cucaña e a queima do galán, o concurso de froitas, a batalla naval ou a procesión de barcos cara á Xunqueira.

Esta Festa das Peras está dedicada estas froitas, nas que é moi pródiga a comarca do Eume. Por iso, o programa contará coa presenza de membros da Asociación Galega de Froitas Autóctonas, que traerán unha mostra da riqueza de Pontedeume neste senso. No apartado gastronómico non só serán protagonistas as froitas, xa que "Aquí Galicia" contará cunha degustación de costrada e de bisté da Marola, dous dos pratos máis típicos de Pontedeume. E, de sobremesa, a tradicional proia, un doce torrado e crocante.

Pontedeume é unha das vilas galegas con máis historia. Os espectadores comprobarano cunha visita á zona histórica, en cuxas rúas se percibe o seu pasado medieval e as pegadas dos condes de Andrade. O programa percorrerá a ponte da Pedra, o pazo do Conde, a torre dos Andrade, a muralla da vila e igrexas coma as de Santiago e as Virtudes. Fóra da zona histórica, tamén hai moito que ver na vila, como a capela de Breamo, o castelos dos Andrade e os mosteiros de Caaveiro e de Monfero.