A undécima edición de 'Espazos Sonoros' regresa á axenda cultural de Galicia con novas propostas musicais para a descuberta de lugares singulares do noso patrimonio. A primeira actuación do festival será hoxe a do grupo Marés, as 20.00 horas en Quinteiro de Temperán, no Grove. As entradas están esgotadas.

O grupo foi formado pola galega Patricia Cadaveira e o catalán Marcel Pascual. Mestúranse co flamenco, o jazz o fado ou a canción de autor, á vez que afondan nas raíces musicais galegas e catalanas. Autodefínense coma "o mar que rodea a península e, ao tempo, a terra que traba o mar".

Antes da actuación, os asistentes poderán gozar dunha visita guiada á illa de Sálvora. Haberá outra a unha casa de labranza reconstruída ao xeito do século XIX, o Quinteiro de Temperán, no Grove.

Mañá, Espazos Sonoros trasládase a Sobrado, ao campamento romano de Ciadella para ofrecer unha visita guiada por arqueólogos da Consellería de Cultura e Educación. Tras a descuberta do enclave militar, ás 19.00 horas, os asistentes terán a ocasión de escoitar o concerto do grupo Sax Antiqua, dedicado á interpretación de música barroca arranxada.

Belén Bermejo López, directora artística do festival, defende que a tarefa máis satisfactoria cada ano é "poder presentar, un ano máis, un completo programa de músicas cun discurso propio".