Os espectadores de Luar escoitarán esta noite a impoñente voz do cantante valenciano Francisco, un intérprete lírico que apostou pola canción melódica e que se deu a coñecer en 1981 co seu éxito Latino. O artista interpretará temas coma Esa niña e Torres de Compostela.

Tamén está hoxe convidado ao programa o cantautor ferrolán Marcos Mella, un artista autodidacta, versátil e emprendedor, produtor dos seus propios traballos, que foi compañeiro de viaxe de grupos míticos do pop coma Los Secretos, La Unión e Cómplices e de músicos por todos coñecidos coma Antonio Vega ou Carlos Goñi.

Ademais, pasarán polo escenario o artista Manolito El Pescador, o grupo Puzzle, a Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa, a Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a formación manchega Camerata Cervantina.

Un dos grandes momentos da noite, en que se intentarán entregar 8.000 euros no concurso telefónico, chegará coa gran final do concurso Vai de Baile, en que se enfrontarán os dúos Firmenus Melitonus, composto por Nuria Gesteira e André Adrio, e Repichoqueiros de Teixeiro, integrado por Ismael García e Mencía Corral.

Ademais, os espectadores coñecerán o nome do segundo finalista de Recantos, que a semana que vén se enfrontará a O Chylava, xa clasificado. Por este billete á final loitarán María Vidal, representante da comarca Terra de Ordes, e Marc Alonso, procedente de Bergantiños.