Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, México, Marrocos, Singapur, Xapón, Alemaña, Bélxica, Inglaterra, República Checa, Croacia, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Rusia, Suíza e das comunidades de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco. De todas esas procedencias chegaron os oitenta alumnos dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras", que onte aterraron en Santiago para mergullarse na cultura galega ata final de mes.

"Na época na que se esculpiu o Pórtico da Gloria -cuxa restauración foi presentada un par de horas antes- e igual ca hoxe, Santiago recibía persoas chegadas de moi lonxe", sostivo o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. "Abrimos os nosos brazos para que poidades visitarnos", engadiu aos que serán no futuro "os nosos embaixadores alí onde esteades". "Vós enriquecedes a nosa lingua, porque unha lingua son os falantes", concluíu.

Os encontros foron inaugurados onte en Santiago de Compostela cun acto de benvida aos estudantes de vinte e catro países de Europa, América, Asia e África e os estudantes estarán ata o 24 de xullo -con clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, combinadas con relatorios que ofrecerán unha visión plural da cultura do país a través das olladas de profesionais do mundo do teatro, a poesía, a divulgación científica ou os medios de comunicación, excursións e obradoiros ou roteiros sobre a tradición musical-.

A Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan esta iniciativa coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; os codirectores dos cursos, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e académico, Xosé Luís Regueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei; e o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, recibiron os estudantes no acto de apertura celebrado na Facultade de Filosofía da USC.