A represión franquista na Ribeira Sacra é un dos alicerces da novela de Xabier Quiroga "O Cabo do Mundo", agora editada en castelán -"El cabo del mundo"- por ediciones B, que tamén indaga en que é o que importa cando non queda tempo para distraerse en leas secundarias.

-"O cabo do mundo" xa ten versión en castelán, como "La casa del nazi". É un paso para o sistema literario? Faille falla á literatura galega?

-Son escritor en galego, pero que te traduzan ao castelán supón unha ventá enorme. Despois de anos loitando, porque moitos dos que escribimos en galego levamos unha vida un pouquiño clandestina, recollida, ao mellor hai certo éxito, certa novela que ten repercusión ou con algún premio, pero nunca recibira propostas para traducirme. Ser traducidos venlle ben á literatura galega.

-A nai do escritor protagonista aconséllalle non deixarse levar pola imaxinación. Supoño que non lle faría vostede caso...

-Por suposto que non, pero en aras de lograr a maior e darlle a cada personaxe a súa impronta, a nai, Carlota, é unha mestra educada na época franquista. Eu quero dar unha visión de como educaron a certas xeneracións e como esa xeneración estaba reprimidas e era o que lle transmitían aos seus fillos, aínda que eses fillos agora é capaz de superalo pero eles non foron capaces e por iso transmitían esa pexa á imaxinación. Pero ao maxín hai que deixalo voar e aquí neste libro, como é novela, realmente, pois voa, pero tamén se basea en feitos reais.

-Falando desa mestura de recreación da historia e ficción, desa "mintira", un dos seus protagonistas advirte de que co pasado hai que andar con coidado...

-Co pasado hai que andar con coidado, pero os escritores temos a sorte de que non se trata de historia; nós facemos ficción e a ficción dache un campo moi aberto para facer voar a imaxinación, para inventar sucesos que puideron ser. Loxicamente neste asunto da represión franqista e das brigadas do mencer e no sucedido na posguerra sempre a realidade supera a ficción. Hai feitos e documentación que deben saír á luz non con afán vengativo, senón por saber e por aprender do pasado para que os feitos do pasado non se repitan. Ese é tamén un pouquiño o papel da literatura: ten que ser compromiso co pasado para explicar o noso presente e que non se repita no futuro.

-Que fai que siga a escribir?

-Creo que o que motiva a seguir escribindo é un pouquiño certa sede interior que temos todos de crear, unha especie de bicho creativo que nos move. Pero é certo que non se pode evitar, como en todo traballo e acto creativo, esa insatisfacción que produce non saber onde levará o teu traballo. Pasas moitas horas, días, anos, para escribir algo que non sabes se chegará a bo porto. A min acontéceme que porque levo escrito moito, pero publicado pouco, en parte porque son moi selectivo. Teño moitas novelas escritas e moitas que non verán a luz por esa insatisfacción.

-O que importa é estar ocupado en algo que encha, di no libro.

-Iso é o esencial da vida. A única reflexión posible a este burato no que estamos metidos, o que nos tocou como bichos que poboamos este mundo, é telo ocupado en algo que te encha. Algo que te encha é sentir, ter ocupados todos os sentidos e calmar esa sede que levamos dentro e por iso escribimos, por iso lemos e por iso estrebillamos por este mundo.