Catro bolseiros do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC gañaron o concurso de retos sobre Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), xunto coas universidades de Aveiro e Nicaragua, nunha convocatoria da Conferencia Iberoamericana de ODS á que concorreron 21 universidades de quince países. O equipo da USC estaba conformado polos alumnos de doutoramento Diego Cidrás do programa Historia, Xeografía e Historia da Arte; e Álvaro Dosil do de Educación; e por Laura Salgado, alumna do Máster en Investigación en Educación, Diversidade Cultura e Desenvolvemento Comunitario; e Javier Noya, do mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

O pasado mes de marzo o grupo da USC comezou a traballar nun prototipado para mellorar os procesos de participación dun espazo público da cidade co obxectivo de facelos realmente efectivos. Elixiron a Praza de Abastos para establecer canles de participación coa USC, revertendo procesos de planificación de usos deste espazo no marco do ODS 11 da Axenda 2030, centrado en comunidades e cidades sostibles.

A coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, Silvana Longueira, presentou a experiencia na Conferencia Iberoamericana de ODS que se celebra estes días no marco dos programas conmemorativos do oitavo centenario da Universidade de Salamanca. O obxectivo desta conferencia é articular reflexións e promover o paso á acción arredor de participacións motivadoras de alto nivel dirixidas a xestores do cambio e dinamizadoras das administracións públicas, empresas, universidades e a sociedade civil.

Desenvolvemento do proxecto

Unha vez seleccionado o espazo, o equipo definiu a súa historia, tendencias e usuarios a través de entrevistas coa Xerencia do Mercado de Abastos, usuarios/as e comerciantes. Esta análise inicial permitiu a formulación de obxectivos orientados ás necesidades detectadas, como por exemplo a ausencia de concienciación sobre o que supón a compra na praza e, como consecuencia, os usos distintos que se lle estaban dando no que semella, en opinión do equipo premiado, un proceso de ‘gourmetización’.

O seguinte paso foi o deseño dun storyboard do proceso, anticipando solucións aos problemas que puidesen xurdir, o que precedeu á busca de canles para involucrar ao colectivo universitario nas dinámicas da Praza de Abastos. Nesta etapa centrouse a atención nos hortos ecolóxicos e sostibles da propia universidade. Na quinta e última semana de traballo o equipo abordou as consideracións de corte máis metodolóxico. O resultado foi ‘O mercado de valores: educando en sustentabilidade dende a tradición’ e abrangue xornadas formativas aos usuarios/as potenciais dos hortos universitarios en relación á sustentabilidade ou o consumo xusto e responsable. A Oficina de Desenvolvemento Sostible agarda poder levar á práctica o seu desenvolvemento o próximo curso académico.