O escritor e mestre Xabier P. Docampo (Rábade, Lugo, 1946), finou onte no concello coruñés de Cambre onde residía hai anos e desde onde compaxinou a docencia coa súa faceta de literato, director de teatro, guionista de radio e televisión e promotor da lingua galega. Os seus achegados recoñeceron que hai anos que enfrontaba unha grave enfermidade e o mundo da cultura galega, que xa amosou o seu sentido pesar, acudirá hoxe a despedilo no tanatorio Servisa de Coruña (20.30 horas).

Foi "un gran contador de historias", que seducía coa palabra; a mesma que aprendera a conxugar ao lume dunha lareira, ou no campo, dos contos que lle contara o seu pai. Aínda que moitos galegos coñeceron a Xabier P. Docampo polo libro que lle deu o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil,"Cando petan na porta pola noite" (1996) -contos sobre o medo, que amosan a influenza da tradición oral-, unha xeración de lectores adolescentes achegáronse á literatura galega grazas a "O misterio das badaladas", que saíra ao prelo dez anos antes. Docampo tamén foi merecedor do White Ravens en 1997 e 2005.

Integrante da Xeración Lamote, como o editor Manuel Bragado alcumou o grupo composto por Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz e Paco Martín -autor "Das cousas de Ramón Lamote"- por seren os tres chairegos (da Terra Chá), fundadores da Nova Escola Galega e premios Nacional de Literatura infantil e xuvenil. "Quedarán como un referente na historia literaria galega, tanto pola súa dignidade moral como por instaurar a literatura infantil e xuvenil galega no postfranquismo", indicou onte Manuel Bragado mentres se dirixía a despedilo. De feito, Docampo participou activamente na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil e formou parte da súa directiva durante cinco anos, dous deles como presidente.

"Todos os relatos se fan esfiañando a vida", dixo Docampo na presentación do seu último libro "A nena do abrigo de astracán", segundo lembrou Bragado. (Considerado o mellor libro de narrativa do ano 2017 na Gala do Libro Galego). "Esa foi a súa grande herdanza, que converteu a súa vida en viaxe e en relato para compartir". Tamén cultivou a narrativa noutros textos que "quería moito": "O libro das viaxes imaxinarias" e "A illa de todas as illas", unha homenaxe ás novelas de aventuras, así como "Catro cartas".

O labor que levou a cabo no ámbito pedagóxico enmárcase na denominada "Nova Escola Galega". Sempre vinculado á renovación pedagóxica, foi coautor de distintas guías para a aprendizaxe da lingua galega e durante oito anos integrou o equipo de "Preescolar na casa", ao tempo que pertenceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación.

Para a escritora Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo "elevou á categoría de arte a narración oral". A autora e amiga destacou esa labor educativa: "Tratabamos de seducir ao alumnado. Unha vez veu ao meu colexio a Moraña e aínda non publicara ese libro marabilloso no que fala dun bico sen referirse a esa palabra, dun tan xeito sutil, bonito e lírico que engaiolou aos rapaces, que quedaron abraiados e en silencio sentindo esas bolboretas que lle metera no corpo co seu xeito de narrar", lembra. Tamén coincidiu Fina no camiñar con Xabier. En dúas ocasións de xeito literal: facendo o Camiño de Santiago e atravesando o océano Atlántico para acudir a unhas conferencias en Caracas á que tamén asistiu Mariano García. Desde ese trebón de lembranzas atropeladas que flúe cando falta alguén de súpeto falaba onte Casalderrey. Tiña próxima unha caricatura obra do ilustrador Manuel Uhía na que estaban os membros da Xeración Lamote, xunto con Xabier Senín, Gloria Sánchez, Marilar Aleixandre, Xoán Babarro, Neira Cruz e máis ela. "O becho espertou e levouno antes de tempo", lamentou Casalderrey sobre a doenza que sufriu o escritor. Quixo adicarlle unha "Aperta de irmau", como lle gustaba despedirse ao escritor da Terra Chá.

Pola súa banda, a autora viguesa tamén Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Ledicia Costas lembrou un discurso do finado, no que afirmou que "ler é sempre procurar onde nace a liberdade". "Xabier foi un dos máis grandes e leais defensores da nosa lingua. Un auténtico contador de historias que se curtiu ao lume da lareira. Queda o seu marabilloso legado, unha obra verdadeira, de alguén que procuraba a súa liberdade en cada palabra. Un home que amaba os contos como amaba os soños. Seguirá vivo cada vez que abramos unha das súas obras", indicou.

Mentres, o escritor Manuel Rivas valorou. "O que ten a boa literatura é a condición de terra comunal. El era moi consciente desa condición e súa herdanza é unha sementeira propia de quen traballou con man sincera, ollada fértil e un humor que nos agasalla esperanza, esa realidade intelixente que traspasa a morte".

Hai dous anos Docampo lía uns versos de José Ángel Valente no pasamento do seu amigo Fernández Paz: "Las palabras, que no nos pertenecen, / se asocian como nubes / que un día el viento precipita / sobre la tierra / para cambiar, no inútilmente, el mundo". Que así sexa.