Pedro Feijoo: "Nesta novela intento contar a historia da persoa que hai detrás do autor"

Presenta a novela "Sen piedade" esta tarde na libraría Cartabón de Vigo

Pedro Feijoo na viguesa rúa Cesteiros. // Eli Regueira

Pedro Feijoo na viguesa rúa Cesteiros. // Eli Regueira

Vigo

O escritor vigués Pedro Feijoo regresa á ficción, tras esa especial guía da cidade olívica que foi "Camiñar o Vigo Vello" (Xerais), coa novela "Sen piedade" (Xerais), a súa obra máis persoal. Esta tarde, ás 20.00 horas, a presenta na libraría Cartabón de Vigo, onde vai estar acompañado por Fran Alonso e Manuel Bragado. Mañá estará na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu ás 21.00 horas e o domingo na Festa dos Libros de Pontevedra. Regresará a súa cidade natal para a Feira do Libro, e os días 3 e 4 de xullo fará máis roteiros olívicos coa xente que se vaia apuntar á caseta de información.

-Aínda non se recuperou dos roteiros polo Vigo Vello cos seus lectores e xa ten unha nova ficción nas librarías. Leva tres libros editados nun ano.

-Teño unha vida social lamentable [ironiza]. "Os fillos do lume" levaba moitísimo traballo detrás e, en realidade, "Camiñar o Vigo Vello" é como unha cara b desa novela. É a parte non ficción dunha mesma historia. "Sen piedade" veu cando comecei a descansar dese traballo común que fixera para os outros dous libros, coincidiu que tiven que estar no hospital e necesitaba desconectar. Celia [Torres] e Manolo [Bragado] propuxéronme que fixera unha novela xuvenil. Ese foi o pretexto. Mais o que saíu foi moito máis escuro do que pensaba.

-Esta é a novela na que queda máis ao descuberto?

-Todas as novelas que eu escribín son pretextos, poden lerse como novelas de aventuras, un thriller ou unha comedia pero debaixo hai outra mensaxe. Teño un compromiso coa memoria, a nosa identidade e a nosa historia e nestes anos centreime niso e olvideime un pouco de min. Tiña cousas ás que enfrentarme que sabía que tiñan que saír. Estou intentando contar a historia da persoa que hai detrás do autor.

-Está a compartir cancións que teñen relación cos distintos capítulos de "Sen piedade" nas súas redes sociais. No libro, dalgún xeito, os protagonistas viven como a película da súa vida, coa súa propia banda sonora.

-É como o que fixo Nick Hornby con "Alta fidelidade", sen ter nada que ver. Pero hai cousas que nos acompañan sempre, todos levamos unha especie de banda sonora enriba, de álbum de familia, de filmografía persoal... e hai un pouco diso nesta novela.

-A novela ten un ritmo rápido, tiña a intención de que se lera do tirón?

-Sempre intento que o estilo sexa directo e rápido. Pero desta volta quería amplificar esa sensción, que foran diálogos rápidos e non soase artificial nin plástico. Ademais, contando a historia de dous rapaces que se lanzan á carretera, en principio, a buscar a festa da súa vida, que se poñan con larguísimos parlamentos non viña a conto.

-Di que a historia quedou máis escura do que agardaba, é o desamor o culpable?

-Máis ben, a escuridade sae do amor. Esta é a mensaxe fodida da novela. A novela pode lerse como unha aventura, pero a mensaxe que hai debaixo, a que me conto a min mesmo, que en moitos aspectos é a miña propia historia, é unha visión da parte máis escura do amor. Falo de como as relacións amorosas non coidadas poden rematar en situacións moi duras. Bragado dicíame que a el lle parecía a miña novela máis social no sentido de que fala do maltrato, as mulleres son vítimas... Pero eu centrábame máis na dor que provocan as relacións persoais. Non quero dicir que o amor sexa unha merda, de feito eu é o que busco permanentemente, pero pagando prezos moi elevados.

-Está ben visto falar desa dor?

-Non sei. Eu levo anos falando diso. Igual máis discretamente, pero só tes que ver como son os personaxes das miñas novelas.

-Quedou 'en paz' despois de escribir este libro?

-Non. Cheguei a un punto no que dixen o que tiña que dicir. É unha batalla na que eu saio perdendo pero tiña que librala.

-Por que sae perdendo?

-Porque me pon diante de moitas experiencias. Eu non fixen as barbaridades que se fan na novela pero cando se fala de dor, desesperación, soidade e tristeza iso si que é meu. Ata onde non empeza o sangue, todo iso é meu. Tomei malas decisións na miña vida, pero esta vez sei que fixen o correcto.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents