O percebe esperta sempre moito sentimento de orgullo nos portos onde se traballan. Para todos o seu percebe é o mellor. Pero para "Pescadores de historias" o máis importante é o percebeiro e a percebeira, e aínda que toda a costa galega é mar de bos profesionais, o espazo estará hoxe en Aguiño, un porto onde se atopa un destacado colectivo.

Aguiño, na ría de Arousa, ten no percebe o recurso máis destacado da súa confraría e a súa lonxa é a que máis percebe comercializa de Galicia: anualmente pasan das 30 toneladas de percebe e traballan este recurso 180 homes e mulleres. E a súa festa do percebe destaca entre todas as festas gastronómicas de Galicia. O traballo do percebeiro é un dos máis arriscados do mar, porque traballa na rompente, onde o mar case nunca descansa.

"Pescadores de historias" irá ás rochas percebeiras para falar con Concha Ramallo e coñecer o futuro das percebeiras. Ela é unha muller que xa leva quince anos ao percebe, gústalle o oficio, di que é moi bonito, pero sabe ben que é moi arriscado, e agora que os seus fillos tamén se dedican ao percebe di que por eles si pasa medo. Miriam Paz, a filla de Concha Ramallo, ten vinte e sete anos, e xa levou un susto grande, nunha caída nas rochas descolocou un ombro e tivo que estar un ano sen poder traballar

Tamén conversará con Andrés Monteagudo, que cando era patrón maior puxo en marcha a Festa do Percebe.

E para degustar os percebes de Aguiño, "Pescadores de historias" acude ao restaurante Faro de Salvora, situado no porto. Alí o seu propietario e cociñeiro José Luís Fernández prepara os percebes, que para rematar o programa comen na compañía de todos os percebeiros que participaron nel.