A filóloga, poeta e narradora Emma Pedreira (A Coruña, 1978) recibe o Premio Xerais de Novela 2018, pola obra titulada "Besta do seu sangue"; unha historia inspirada na figura do psicópata Romasanta -coñecido como o home lobo de Allariz- e co fondo dunha revisión xenérica de figuras da mitoloxía galega. A autora forma parte da denominada Xeración Poética dos 90 e é membro da Plataforma de Crítica Feminista A Sega. O xurado desta 35 edición do galardón asegurou que "Besta do seu sangue" supón unha proposta "de carácter transgresor caracterizada pola súa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros". Ao tempo, salienta o uso dunha linguaxe poética e a transparencia que repousa na transmisión dunha atmosfera de desacougo e angustia ao abordar, con orixinalidade dita historia.

Pola súa parte, a premiada Emma Pedreira indicou que entende "o medo das valentes e a responsabilidade das fortes". "Sinto iso neste mesmo momento: medo e responsabilidade", asegurou tras coñecer o Premio, que está dotado con 10.000 euros e ao que concorreron 37 obras.

Pola súa banda,"Kusuma" de Héctor Cajaraville resultou merecedora do Premio Merlín de Literatura Infantil. Non é a primeira vez que Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) -xornalista que exerceu como responsable de prensa en diferentes entidades e institucións, como a Asociación galega de cooperativas agrarias, a Universidade de Santiago de Compostela ou o Concello de Santiago- obtén un premio: en 2015 xa gañou o Premio Xerais coa súa primeira novela, "De remate", e foi finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Quen dá a quenda? (Xerais, 2016). No seu ditame, o xurado sinalou que "Kusuma" é "unha fermosa fábula ecoloxista protagonizada por unha faisán asiática obrigada a fuxir da agresividade do mundo industrializado. A fábula critica tamén o rexeitamento das poboacións inmigrantes, reivindica o respecto ás diferenzas e a valoración do traballo en grupo".

Pola súa banda "Aplicación instantánea" de Carlos Negro obtivo o Premio Jules Verne de Literatura Infantil. O escritor Carlos Negro (Lalín, 1970) é autor de obras en Xerais como Far-West (Xerais 2001), Makinaria (Xerais 2009), Penúltimas tendencias (Xerais 2014 e tamén Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil). O xurado premiou a obra por, entre outras, a orixinalidade, a calidade literaria, a forza da linguaxe e a súa riqueza, a posta en valor da figura feminina e o seu empoderamento, así como da cultura e lingua galegas.