"O profesional do futuro será unha combinación perfecta de destrezas e emocións", indicou a xornalista de FARO, Selina Otero, durante a charla "Unha educaciónde premio", que ofreceu no Club FARO en Vigo acompañada do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Precisamente, foi traballando como xornalista en temas educativos como Otero se percatou da existencia de modelos exitosos e innovadores en centros de formación galegos. "Hai máis de un ano que pensei nesta obra. Hai moitos institutos que están traballando na vangarda e a miña inteción foi a de tecer redes", recoñeceu.

Porén, revelou no Club FARO a súa mirada sobre algunhas das vinte experiencias premiadas -a nivel autonómico e estatal- pola validez pedagóxica e que constitúen o corpus do seu libro. Para que existan referentes máis próximos para docentes, pais e futuros educadores, e porque non fai falta (sempre) recorrer a modelos exportados doutros países.

Niso mesmo faría fincapé Francisco Castro que, tras presentar á xornalista como "rigorosa" no seu modo de traballar recoñeceu que "Unha Educación de premio amosa que podemos presumir da nosa educación e estar fachendosos dos docentes que temos en Galicia". Ao que engadiu: "Hai profesores que deixan pegada na vida dos alumnos".

A ilusión foi outro dos valores que destacou Selina Otero para poñer en marcha grandes iniciativas educativas, tanto para os docentes como á hora de contaxiarllo aos alumnos: "Con docentes que transmiten ilusión, os alumnos teñen medio camiño andado", asegurou a xornalista."Que os nenos vaian felices á escola di moito dos centros", proseguiu a escritora, que fixo co público un itinerario guiado polo que ela denominou "ruta da innovación".

E, para iso, Selina Otero valeuse de material audiovisual que foi gravando no seu percorrido por escolas das catro provincias galegas e representativas de diferentes modelos de cidades ou vilas. Unha das primeiras profesoras en aparecer na pantalla foi unha profesora do IES As Barxas de Moaña, Luz Beloso: "Os profesores teñen que escoitar máis e falar menos, o ensino ten que ser divertido", confesaba a docente para, a renglón seguido, recoñecer que "tes que desfrutar co que fas". Este exemplo, no que os alumnos chegaron a constituír a súa propia produtora audiovisual, "Caranguexo Films", foi un dos que enxalzou Selina Otero dentro do ensino público. "Os alumnos coñecen as técnicas máis novas de animación e saben narrar audiovisualmente con só 13 ou 14 anos".

Outra profesora, neste caso do IES de A Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte, confesaba que "a educacion é algo global, que queda para a vida". A docente amósase como defensora da aprendizaxe por proxectos e da interrelación entre as diferentes materias no instituto.

"Tamén me chamou a atención o IES de Meaño", asegurou Otero. No vídeo sobre o traballo do alumnado viuse como simulan a creación dunha empresa, para o que utilizan unha impresora 3D coa que fan produtos con fins solidarios. "O diñeiro que logran cédeno a unha ONG; á vez que experimentan como teñen que traballar, organizados e en equipo, para que o proceso teña éxito. Creo que pode axudarlles a abrir portas para o seu futuro", defendeu a xornalista.

No auditorio do Club FARO estaban algúns dos mestres que serviron de exemplo e "inspiradores" para o libro. Entre eles un do CPR Plurilingüe Vila do Arenteiro, do Carballiño (Ourense), Juan Sanmartín, que colga vídeos de Química en Youtube -que chegaron ás 600.000 visualizacións- e que defende o concepto de aula invertida: a teoría apréndese (con material didáctico) na casa e logo, na clase practícanse exercicios e resólvense dúbidas.

Tamén destacaría Selina Otero "O CPR Plurilingüe Alborada de Vigo, cun profesor que explica o método científico desde moi novos e no que os alumnos aprenden a ser pequenos científicos". Tamén neste caso, as propias alumnas explicaron ante as cámaras como "fixeron investigacións da area das praias de Vigo e das furnas de Baiona" e outras relativas a musgos. A autora tamén abordou aspectos tan candentes coma o bullying: "Que os alumnos sexan libres para expresar emocións evita o acoso", defendeu en alusión á experencia do CEIP de Chans-Bembrive de Vigo, que ten un proxecto de educación emocional. O público do Club FARO puido visualizar algunha das técnicas de mindfullness empregadas. "Fan cadeas de favores, hai que axudar no día a día e formúlanse preguntas do tipo como te atopas? ou por que estás triste? Creo que ese xeito de ser libre expresándote fai que o neno evite situacións de acoso futuro",valorou a xornalista.