Entre as frases destacadas do seu periplo educativo, Selina Otero desctacou unha da escritora estadounidense Úrsula K. Le Guin: "Un adulto creativo é un neno que sobreviviu". A cita tamén valeu de pretexto para comparar os férreos métodos de ensino que recibían os nenos a finais dos anos oitenta e nos noventa e como hoxe en día están moito máis centrados nos intereses globais do alumnado.

"Este libro vai dirixido a profesores que queiran innovar, porque así van ter exemplos claros doutros docentes que xa o están facendo. Ademais, vai dedicado a estudantes de Educación e, en xeral, a persoas vinculadas á docencia", avanzou. "Van ter como un mapa ou un esbozo de modelos educativos de referencia; fixen algo así como un croquis", recoñeceu a autora, que tamén falou dunhas fichas ao término de cada capítulo nas que se aborda de xeito máis telegráfico as claves ou dificultades no proceso. "Pode ser unha guía, porque tamén expoño os premios e as distincións que ten cada centro. E está escrito de forma sinxela, pensada tamén para pais que teñen curiosidade polo que se fai en diferentes centros", subliñou.

Entre as preguntas e aportacións do público asistente destacou a confirmación da "baixa autoestima creativa que hai en Galicia", segundo valorou unha profesional do Ensino, que abogou por "dárlle valor ao que se fai ben a nivel pedagóxico nas nosas escolas".

Selina Otero tamén recorreu a historia do profesor Anxo Brea, nomeado mellor profesor de Historia da cidade de Nova York, que lle dixo nunha entrevista que o máis importante é lograr "que o alumno sexa capaz de desenvolverse coas ferramentas que ten". Xa como colofón e como resposta a outra pregunta, Otero recoñeceu que a elaboración deste libro "cambiou a súa visión do que é un bo docente".