O Consello da Cultura Galega (CCG) ten todas as papeletas para vivir hoxe unha xornada histórica: o acceso á presidencia dunha muller, a catedrática de Filoloxía Rosario Álvarez, que se postula como única cabeza de lista a dirixir o ente que botou a andar en 1983 baixo o timón do galeguista Ramón Piñeiro.

O pleno do CCG votará esta tardiña un único punto da orde do día: a elección da nova presidencia da institución, trala finalización do mandato de Ramón Villares. A única candidatura presentada é a de Rosario Álvarez Blanco, que se constituiría como a primeira presidenta do ente cultural galego.Nada en Pontevedra o 12 de xullo de 1952, é licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde é catedrática na área de Filoloxía Galega e Portuguesa. Foi vicerreitora de profesorado da USC -cando coincidentemente o ata hoxe presidente da CCG, Ramón Villares, era reitor-, directora do Departamento de Filoloxía Galega e directora do Instituto da Lingua Galega, entidade á que pertence desde 1974 e na que agora so consta como "membro da comisión permanente" na súa web.

De todos os xeitos, o probable nomeamento de Rosario Álvarez como presidenta conlevará que haxa un novo representante do ILG no plenario, segundo confirman fontes da institución. Quen acompañará na comisión executiva a Álvarez? Un máximo de sete compoñentes, que serán refrendados noutra sesión polo plenario.

Ademais, a persoa que presidirá o CCG ten que someterse previamente a unha audiencia Parlamentaria, ante a comisión de Cultura.

No académico, as liñas de investigación de Rosario Álvarez seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; tamén o cambio lingüístico, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento. É investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega, na que é académica desde 2003. Ademais, é directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués.