O catedrático da USC Rubén Camilo Lois González, director do Departamento de Xeografía e coordinador do Grupo de Investigación en Análise Territorial ANTE, acaba de ser elixido vicepresidente da International Geographical Union (IGU). Este cargo súmase ao seu traballo como vocal número 1 do Comité Directivo da Asociación de Geógrafos Españoles (AGE) e membro do Comité Español da IGU.

A IGU é unha organización non gobernamental profesional presidida polo profesor emérito Yukio Himiyama e dedicada ao desenvolvemento da xeografía en todos os países do mundo a través da iniciación e coordinación da investigación e a ensinanza neste ámbito. É o organismo recoñecido pola ONU e a UNESCO para desenvolver o coñecemento xeográfico e cartográfico e colabora activamente cos obxectivos do Milenio e os programas Hábitat.

A candidatura a vicepresidente do profesor Lois tivo un gran apoio dos comités de España, Portugal, Francia, Alemaña, Rusia, varios países de Centroeuropa e Latinoamérica. O único español que ocupara o cargo de vicepresidente da IGU fora o catedrático da Universidade de Barcelona Joan Vilà Valentí, quen exerceu no período 1980-1988.

Para Rubén Lois, o novo cargo representa unha "magnífica" oportunidade para "actuar como unha ponte entre as comunidades de xeógrafos de Europa e América Latina, favorecer unha maior participación na IGU dos países e universidades de lingua española e portuguesa e abrir a posibilidade de que a Península Ibérica poida albergar futuros eventos da IGU".

Na súa candidatura, o profesor da USC sinalaba a importancia de ter unha institución internacional para xeógrafos que proporcione a esta ciencia a visibilidade "que merece a escala global". Así, márcase tres principios moi concretos que defenderá durante o seu mandato e que son a diversidade como base fundamental para o traballo xeográfico, o fortalecemento da iniciativa IGU e UNESCO do Ano Internacional do Entendemento Global (IYGU) e a interdisciplinariedade da xeografía, que debe confluír con outras ciencias.

A pesares de que se creou oficialmente en Bruxelas en 1922, xa en 1871 a IGU celebrou en Amberes o primeiro dunha serie de congresos nos que cada ano participan arredor de 5.000 persoas de todo o mundo. O próximo celebrarase en Agosto en Quebec e os seguintes en Estambul (2020) e París (2022).

O traballo desenvolvido pola asociación lévase a cabo a través dos seus comités nacionais, comisións e grupos de traballo de máis de 100 países. O español adheriuse en 1920 e nos seus primeiros anos de existencia contou coa colaboración do xeógrafo galego e patriarca das letras Ramón Otero Pedrayo, que colaborou para desenvolver cuestionarios de hábitat e poboamento.

A IGU ten agora 41 comisións que agrupan xeógrafos interesados en elementos particulares da disciplina como a climatoloxía, a xeografía urbana, a xeografía aplicada, ou a xeografía da poboación.

O profesor Rubén Lois licenciouse na USC, onde se doutorou e acadou unha praza como docente. A súa investigación comezouna no eido da Xeografía Rural, dende a que evolucionou ao estudo de Xeografía e Planificación Urbana e da xeografía cultural.

É investigador principal do proxecto do Atlas Rexional para a Estratexia 2020 da UE. Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (2003-2005) e director do Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER), organismo de cooperación científica entre as universidades de Galicia e a rexión norte de Portugal (2013-2017), ademais de director xeral de Turismo da Comunidade Autónoma de Galicia (2005-2009).