A TVG continúa hoxe descubrindo o "Camiño dos Faros", unha das rutas que máis interese está a xerar a nivel nacional e internacional nos últimos anos, da man do espazo Imos indo, que racha as constricións dos programas de entrevistas clásicos, fusionando o xénero talk show co divulgativo e empregando localizacións completamente naturais.

Quique Morales estará acompañado da actriz Lucía Regueiro para realizar a etapa entre a praia de Niñóns e Ponteceso, a segunda etapa do "Camiño dos Faros", 26 duros quilómetros que non andarán sós. Os protagonistas coñecerán a Suso Ouréns, un dos últimos veciños da Aldea do Roncudo. Desde alí, chegarán ata o faro do mesmo nome e pararán no porto de Corme. Ademais, falarán do Festival V de Valarés e descubrirán as dunas da Barra.