Tres comisarias galegas -Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea García- escolleron ás artistas Beatriz Lobo (Vigo, 1985), Paul E. Guy (Chicago, 1967) e Maria Kulikovska (Crimea, 1988), para botar a andar "Reb/veladas na paisaxe", un novo ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás. Unha mostra que se inaugurou onte en presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez González e co que se procura non só a posta en valor das zonas naturais da Cidade da Cultura, senón tamén darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea. As intervencións teñen en común o convite a descuberta a través da propia interacción coas instalacións. Así, o "Merendeiro" de Beatriz Lobo, no Parque do Lago, procura ser un incentivo socializador popular; "Birdwatching" de Paul E. Guy, no Bosque de Galicia, tamén apela ó visitante nunha sinxela estrutura de observatorio de paxaros e as tres figuras de xabón de Maria Kulikovska están acazapadas como un xeito de resistencia pasiva.