"María Vitoria Moreno escribiu sempre desde a dignidade da muller loitadora fronte á inxustiza social e a negación cultural na que vivía. Foi unha soñadora que nos permitiu soñar e unha apaixoada da cultura galega que nos contaxiou a súa paixón". Con estas palabras describiu onte o escritor Antonio García Teijeiro á muller protagonista do Día das Letras Galegas deste ano durante un acto na Alameda de Bouzas ao que acudiron decenas de persoas.

Moreno é a cuarta muller homenaxeada un 17 de maio, un aspecto que destacou a presidenta da Diputación de Pontevedra, Carmela Silva durante o acto ao que acudiu tamén o alcalde, Abel Caballero e algúns membros da corporación municipal que leron fragmentos de obras da escritora.

Por terceiro ano consecutivo, a Asociación Cultural Vila de Bouzas organizou este día nunha alameda "moi floral" á que se achegaron ducias de veciños e nenos e na que os textos de María Vitoria Moreno foron a melodía principal.

García Teijeiro, Premio nacional de Literatura infantil e xuvenil 2017, foi o encargado de dar un emotivo pregón. "Neste Vigo que non cala e non dorme celebramos hoxe unha data moi especial para todos os que amamos unha lingua en continua loita por estar presente nas nosas vidas", afirmou. Sobre a autora homenaxeada este ano, que naceu en Cáceres e escribiu obras como "Anagnórise" ou "A Brétema", o escritor destacou a súa "loita sen desmaio a prol da presenza da muller na literatura".

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, centrou o seu discurso en enxalzar o galego e o seu uso, definíndoo como "unha lingua eterna que hai que vivir, sentir e falar, e que nos viu nacer e veranos morrer". Ademais, engadiu que María Vitoria Moreno foi unha escritora que ademais de adoptar a cultura galega como a súa propia, "a maioría dos seus libros aparecen cun nome ao final, que é Vigo".

O toque reivindicativo aportouno a responsable do Executivo Provincial, Carmela Silva, que fixo fincapé no sentido do Día das Letras Galegas, "no que se celebra á gran poeta galega Rosalía de Castro" e resaltou o feito de que na historia desta celebración tan só fosen homenaxeadas catro autoras.

"Hai que recoñecer ás mulleres de Galicia, a cultura galega está escrita en masculino pero tamén en feminino", matizou. Tralas súas palabras, leu un fragmento de "Mar Adiante", subtitulada como "Historias de nenos pra nenos", a primeira novela en galego de Moreno publicada en 1973.

A historia trata dunha profesora que lle conta aos seus compañeiros que creou unha escola nun barco, o 'Arroás', e como non lle cren escribe a historia para que os nenos a coñezan. As tapas do libro de Silva estaban tinguidas de morado, cor que representa o Día Internacional da Muller.

Pola súa banda, a Asociación Cultural Vila de Bouzas estivo representada por unha das súas vogais, Paz Cardoso, que destacou da figura da escritora homenaxeada "que foi unha activista do galego que escolleu este idioma e fíxoo seu" ao tempo que, acompañada dunha camiseta coa tipografía da serie Fariña, louvou ese produto televisivo por levar parte da historia de Galicia á televisión estatal.

Algúns veciños, como Toa Rodríguez, viviron o 17 de maio con ilusión. "Coñezo a María Vitoria Moreno porque de pequena lía os seus libros, como "A festa non faiado". En casa falamos galego e días como hoxe son importantes para nós", contou mentres a súa filla xogaba coas flores do Maio elaborado especialmente para a ocasión.

Outras como Yolanda, consideran esencial a celebración do Día dás Letras Galegas "por ver a todo o mundo unido e sacando o seu patriotismo nunha data tan sinalada e que representa tanto".

ANTONIO GARCÍA - ESCRITOR

"Moreno loitou pola presenza da muller na literatura"

Abel Caballero - Alcalde de Vigo

"O galego é unha lingua eterna que hai que vivir, sentir e falar"

Carmela Silva - Presidenta da Diputación

"A cultura gallega está escrita en masculino e feminino"