Mulleres que forman parte da Real Academia Galega (RAG) ven un "déficit" de autoras homenaxeadas no Día das Letras Galegas, aínda que subliñan o "cambio" dado pola institución galega para incorporar mulleres á mesma. Por outra banda, destacan a maior presenza feminina en comparación coa Real Academia Española (RAE) ou a súa homóloga francesa.

Marilar Aleixandre, unha das sete académicas numerarias da RAG -entre as que está pendente do seu ingreso Ana Romaní, que ocupará a cadeira deixada por Xohana Torres após o seu falecemento en setembro- incide en que constata "un cambio" na entidade o feito de que o últimas catro incorporacións á RAG -ela entre estas- "sexan mulleres". "Isto non ocorreu nunca", engade. No entanto, remarca, para argumentar que aínda quedan pasos que dar, o feito de que cando tome posesión a xornalista Ana Romaní, serán "sete de 30". A pesar diso, insiste en que "nos últimos anos haxa -na institución- persoas que teñen a sensibilidade", de incorporar mulleres á RAG.

Marilar Aleixandre - Académica

"Nos últimos anos hai persoas na RAG que teñen a sensibilidade de incorporar mulleres"

Por outra banda, vincula a menor relación de académicas en comparación cos homes cuns "mecanismos de exclusión social". Respecto diso, cre que seguen influíndo "os lazos de amizade" para incorporar antes a un home que a unha muller en determinados postos de responsabilidade en distintos ámbitos. "Isto é unha cuestión social", recalca. Sobre os homenaxeados no Día das Letras Galegas, subliña que, desde o ano 1973, a escritora María Victoria Moreno -elixida para a celebración deste ano- é "a cuarta" muller escollida.

"Está a facerse, pero queda moito máis por facer", apunta, á súa vez, a tamén académica numeraria Fina Casalderrey ao ser preguntada pola presenza da muller na RAG. "A cultura estivo e segue estando masculinizada", engade ao lembrar que moitas mulleres foron "silenciadas" durante anos a pesar da súa actividade cultural. E fai a mesma reflexión que Aleixandre. "Van 56 conmemoracións do Día das Letras Galegas e María Victoria é a cuarta muller", sinala. Con todo, considera "unha boa noticia" que a persona elixida este ano sexa unha muller e asegura que isto forma parte da política que está a levar a cabo nestes momentos a institución "de comunicarse cada vez máis co resto de galegos e galegas".

Fina Casalderrey - Académica

"Van 56 celebracións do Día das Letras e María Victoria é a cuarta muller"

No entanto, precisa que tampouco chegan á Academia "moitas propostas de mulleres" para o Día das Letras Galegas. Para corrixir esta situación, insiste en establecer un "fío de comunicación" coa sociedade para "descubrir a esas mulleres silenciadas".

"Non serei eu quen diga que é suficiente", sostén, á súa vez, a académica Rosario Álvarez ao ser preguntada pola incorporación das mulleres á RAG ou na lista de homenaxeadas. "Estamos en franca minoría", apunta ao comparar o número de homes e mulleres. De todos os xeitos, lembra as últimas incorporacións de mulleres. "E se o comparamos con outras institucións, a situación é mellor", di. Como exemplo, lembra que a primeira muller en ter acceso á RAG como membro de número foi a escritora Francisca Herrera Garrido no ano 1945, aínda que non puido tomar posesión ao falecer antes. "A primeira muller na academia francesa data do ano 80", compara. En relación ao Día das Letras Galegas, admite un "déficit" en relación ao número de homenaxeadas respecto dos homes, pero congratúlase tamén da elección para este ano de María Victoria Moreno, que foi profesora súa.

Rosario Álvarez - Académica

"Estamos en minoría, pero se comparamos con outras institucións a situación é mellor"

Desde a RAG destacan, mentres, que as dúas últimas comisións executivas teñen "unha composición de xénero paritaria, dúas mulleres e tres homes". Sobre esta cuestión, o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes, subliña que a presenza da muller en distintos ámbitos deu un paso "xigantesco" nos últimos anos. "Iso é un feito social que hai que converter en normal", apostila. "Non se trata de andar con cotas senón de primar positivamente", sinala Freixanes.

Víctor Freixanes - Presidente da RAG

"Non se trata de andar con cotas senón de primar positivamente"