Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rodrigo Romaní; "Son unha especie de cantautor pero en lugar de voz interpreto a través da arpa"

"A xira internacional non é obxectivo a estas alturas; se vén algo de rebote, estupendo"

Romaní coa súa arpa na Escola E-Trad, de García Barbón. // Cristina Graña

'Fíos de ouro no ár, tece a dona ao sol da eira, e ven a bris silandeira, abaneando no seu van...' Con estes versos de Avilés de Taramancos encabeza o seu novo traballo Rodrigo Romaní, no que ensalza a sonoridade "etérea" da arpa con toques de tradición nas melodías e na percusión. Hoxe presentará o novo disco no Var con Uve de Moaña.

-Como se transmite música de base tradicional con arpa?

-É un labor delicado. A arpa non é un instrumento que estea no imaxinario colectivo tradicional. Leva a universos etéreos e sonoridades moi bonitas. A arpa tira de ti cara arriba, con ese son aéreo, e a percusión achégate máis á terra. Axuda a ubicar o ambiente sonoro que quería para este disco: sonoridade aérea cun toque de tradición.

-Dúas arpas, con Beatriz Martínez, e a percusión de Xulia Feixoo. Atopou unha formación única?

-Creo que non hai nada así, nin aquí nin no resto de España. Xa no anterior disco 'As arpas de Breogán' percibín que dúas arpas non son dúas, soan como cinco, multiplícase o son. Neste hai máis xogos de son e corda. O obxectivo é conformar un estilo propio cun punto de vista internacional, non sumar como un disco máis. Aquí xa temos o Festival Internacional de Noia.

-Nace con vocación internacional, para gañar espazo fóra?

-Gustaríame pero non podo dicir que sexa un obxectivo. O fundamental é crear repertorio galego para arpa céltica e para un público non específico deste instrumento. Este traballo é lixeiro de escoitar e con certos valores. Estaremos no Festival de Edimburgo e en Lorient pero a estas alturas a xira internacional non é un reto para min. Se vén algo de rebote, pois estupendo.

-Pezas tradicionais reinterpretadas, como Alborada da Ulla, pasacalles e muiñeiras, e composicións propias...¿creador e intérprete?

-Máis creador que intérprete. Son unha especie de cantautor pero en lugar de cantar fago a miña propia música e interprétoa na arpa: un intérprete discreto que toca música propia, diría eu.

-E os versos de Avilés de Taramancos, outro noiés...

-Avilés ten unhas imaxes moi fermosas, inagotables... é fonte de inspiración para nomes, títulos, coma este: 'Fíos de ouro no ár', parecíame unha imaxe moi bonita para definir un disco de arpa. Eu tratábao como amigo pero ata que pasaron uns anos da súa morte non me dei conta do enorme poeta que era. A vida é así: ás veces para darte conta do grande que é algo teste que alonxar, para percibir a dimensión.

-No 2013 afrontou un momento complicado pola perda de medio dedo anular dereito nun accidente cunha máquina de troncos. Superado?

-Si. Foi un atranco bastante gordo pero, ao final, unha experiencia enriquecedora, como moitas das cousas malas que nos pasan, que te acaban enriquecendo, obrigándote a pór os pés na terra e dicíndonos quen somos... Tiven que inventar unha técnica nova que se adaptara á ausencia dun dedo, que non é transmisible. Deixei a docencia. Pero non foi en plan renacer das cinzas tipo Ave Fénix, eu vivino como un proceso natural de tirar cara adiante.

-Algunha curiosidade durante a gravación deste disco?

-Como anécdota destacaría que se ía chamar 'Preguiza', o nome dunha das pezas do disco precisamente, pero tiven que cambiar o título senón non o remataba nunca...

-Como ve o panorama musical actual, con tanta riqueza de matices estilísticos e calidade?

-Hai unha calidade e unha creatividade enorme, iso está ben. Outra cousa é que teña a saída que merece porque a explotación comercial busca cousas moi rendibles.

Compartir el artículo

stats