No ano 1773 naceu Isabel Zendal, que está recoñecida pola OMS como a primeira enfermeira en misión internacional da historia. Proviña dunha familia moi humilde, dise que os seus pais eran pobres de solemnidade, e tivo o mérito de, sendo ademais nai solteira dun meniño, chegar a ser a reitora do Hospital de Caridade da Coruña e participar nun fito da saúde pública mundial, como foi a Real Expedición Filantrópica da Vacina da Varíola. Esta expedición partiu do porto da Coruña no ano 1803 coa encomenda de vacinar contra a varíola a poboación das colonias españolas de América e Filipinas. Isabel Zendal foi a única muller que participou nela e dela dependía o coidado de 22 nenos orfos, de entre 3 e 9 anos, que viaxaban na corveta para que brazo a brazo, fosen os portadores da vacina.

Así o desgranou Anaír Rodríguez, que destacou que "nos últimos anos estanse levando a cabo diversas inciativas para recuperar a figura de Isabel Zendal, un personaxe pouco recoñecido en Galicia. Non así en México, onde o galardón máis prestixioso ao mérito en enfermería que se outorga leva o nome de Isabel Zendal".

Tamén destacaría o exemplo da viguesa Olimpia Valencia que, chegada de Ourense, foi unha das primeiras alumnas da universidade compostelá e a primeira galega en en obter a licenciatura de Medicina nesa universidade, en 1925. Se ben tivo que especializarse en Xinecoloxía, xa que a sociedade do momento aínda non estaba preparada para que un home enfermo se puxese nas mans dunha muller. En 1928 abriría a súa primeira consulta na rúa do Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico d Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda.