O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) manifesta que no Convenio de Istambul, considerado como o marco xurídico máis completo para combater a violencia contra nenas e mulleres, defínese legalmente a violación como as relacións sexuais sen consentimento. "Nunha sociedade na que existe unha violencia estrutural contra a muller, o debate sobre a intimidación propicia a idea da responsabilidade da vítima á hora de protexerse da violación e distrae o foco sobre o verdadeiro agresor", din nun comunicado emitido este venres.

Este Convenio, como recordan na súa nota, foi ratificado en 2014 por España, un país no que se denuncia unha violación cada oito horas, indicador da situación de violencia estrutural que sofre a muller e que ten neste tipo de agresións a súa expresión máis extrema, estigmatizante e violenta. A intimidación e a violencia non se exercen unicamente de forma expresa, senón que é máis que suficiente a posición estrutural de forza do home.

"A nosa sociedade debe progresar e ir máis aló de cuestionar ás vítimas e non aos agresores, xa que se perpetuará esta situación e disuadirase a denuncia, a non identificación das agresións sexuais tanto pola vítima (que se culpabilizará) e polo agresor (que o xustificará). Así que como sociedade debemos trasladar unha mensaxe de condena sen paliativos cara a quen exerce a violencia sexual, en calquera das súas formas, e de apoio ás vítimas", reza o comunicado.

O COPG destaca que "a violencia non se exerce unicamente a través da forza física e o dano non é simplemente dor". E refírese á argumentación recollida na sentenza do caso coñecido como "La Manada", especialmente ao voto particular, pois considera que "naturaliza a violencia sexual e descarga o axuizamento no comportamento da vítima (antes, durante e tras a agresión)". "Esta sentenza é un claro retroceso na loita pola igualdade entre homes e mulleres; omítese a violencia estrutural contra a muller e trátase de forma illada, sen entender que forma parte dun sistema que lexitima a dominación dun xénero sobre o outro", remachan.

"Unha sentenza sempre chega tarde para a vítima: é necesario previr e educar desde a infancia sobre sexualidade, que é violencia sexual e que é agredir. Internet facilitou de xeito exponencial o acceso, cada vez máis precoz, a contido pornográfico e ademais extremadamente violento. Isto implica que os mozos, homes, constrúen a súa sexualidade a través da obxectualización da muller, con condutas machistas e agresivas que se sustentan nunha sociedade patriarcal que lle outorga unha posición privilexiada", expón o COPG no seu comunicado.

Un texto no que piden a prevención desde todas as etapas educativas e a formación en perspectiva de xénero dos profesionais que traballan no sistema público, especialmente da xustiza, da sanidade, da educación e dos servizos sociais. "O feito de ignorar o que implica a discriminación da muller sitúa nunha posición de absoluta inxustiza e indefensión á metade da poboación", aseguran.