24 de febrero de 2018
24.02.2018

Anxo Fariña: "Fáltalle unha película á Ría de Vigo"

O escritor vigués presenta "Os Megatoxos e a batalla de Rande", o sexto libro da súa saga

24.02.2018 | 01:58
Anxo Fariña, onte, na Casa do Libro de Vigo. // Ricardo Grobas

Os que pasen pola Casa do Libro de Vigo estes días verán un mural debuxado sobre o cristal do seu escaparate que festexa a chegada do sexto libro dos Megatoxos. Anxo Fariña, escritor e ilustrador, quixo facer algo diferente para a chegada desta nova aventura que sucede en tempos da batalla de Rande. O vigués estivo onte cos seus lectores e o director de Xerais, Manuel Bragado, presentando a novela.

-Nos últimos anos publicou dous libros moi distintos ["Horizonte de sucesos" (2016) e "4_xinetes" (2017) en Xerais] que se afastaban da Literatura Infantil e Xuvenil, había ganas de volver?

-A verdade é que si. Supoño que eu son unha persoa moi variada e fun probar outras cousas, unha literatura máis de adultos e máis "seria" pero apetecíame volver a divertirme e a pasalo ben cos Megatoxos, que lles teño moito agarimo; e traer novas historias con moita acción e moito humor.

-Nas presentacións encóntrase cara a cara cos lectores, son máis agradecidos os rapaces que o público adulto?

-Non sei se máis agradecidos pero o que si son é máis sinceros, para o bo e para o malo. Eu teño sorte de que lles guste o que fago, as miñas historias e debuxos, e o contacto con eles para min é un alicerce para seguir escribindo. Sempre digo que por isto paga a pena o que fago, este mundo solitario da escrita.

-Como fai para ser tan prolífico?

-Supoño que é isto que din as avoas de que es un 'culo inquieto', son unha desas persoas as que lle custa estar parada. Cando estou rematando unha historia en realidade xa está nacendo outra que pide paso. Atopo tantas cousas nas que inspirarme que a verdade é que me faltan días para escribir historias. Por exemplo, neste libro pasoume que eu coñecía a batalla de Rande pero investigando máis sobre os feitos a verdade é que vin que é unha cousa apaixoante. Fáltalle unha película a esta ría, porque unha batalla con tanto galeón, solados, ouro, prata? É unha historia tan impresionante que os Megatoxos tiñan que estar ahí si ou si.

-E como achega esta batalla ás novas xeracións?

-Como os Megatoxos teñen a habilidade de viaxar no tempo mesturo varias cousas. Primeiro falo de Cabo Silleiro, os protagonistas van de excursión a ver as ruínas militares que eran para protexer a ría. De feito hai todo un movemento na rede de xente que as visita, e fago unha fusión do real e da ficción. Todo mesturado coa batalla en Rande como tal e a existencia dun galeón novo.

-Nesta aventura fala da importancia do amor.

-No libro poño en boca dun profesor unhas palabras nas que eu creo que son que se ti fas as cousas con amor ou por amor, as cousas sempre van saír mellor. Creo que falta amor neste momento, pero amor á natureza, ao noso planeta, á xente que vive con nós, a nosa lingua, a nosa cultura... Penso que hai que poñer esa idea de amor en valor porque así entendido pode mover o mundo. E esa é a idea que quero transmitir.

-Seis libros despois, os Megatoxos seguen facéndolle agasallos?

-O meu editor comentoume que é a saga da Literatura Infantil e Xuvenil galega que máis números ten. Meteume moita presión, é unha responsabilidade tremenda. Pero si, os Megatoxos seguen facéndome agasallos a través dos seus lectores.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores