Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín: "Laxeiro expresábase de forma vizosa, inesperada e lúdica, como a súa pintura"

O escritor recibirá o galardón da fundación do pintor lalinenese o próximo sábado

X. L. Méndez Ferrín recibe o premio no ano que Laxeiro celebraría o seu 110 aniversario. // Eli Regueira

O escritor Xosé Luis Méndez Ferrín vén de recibir o Premio Laxeiro "como recoñecemento a toda unha vida dedicada á literatura galega, na que, coas súas obras acadou un nivel de calidade excepcional". Así o anunciou onte o Padroado da Fundación Laxeiro. Trátase dun galardón moi importante para o articulista e colaborador de FARO dada a amizade que mantivo co pintor.

O 23 de febreiro, o artista Laxeiro cumpriría 110 anos de idade. Con este motivo, os amigos do pintor, en colaboración coa Fundación Laxeiro, celebran ese día unha xa tradicional comida para homenaxear ao artista de Lalín, un acto no que se leva a cabo a entrega do premio que leva o seu nome. O ágape celébrase o próximo sábado, día 24, no restaurante Puerta 98 de Alcabre, en Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, entregará o galardón a Méndez Ferrín, que pasa así a formar parte do selecto elenco de personalidades que, dende 2004, veñen recibindo este importante premio, como recoñecemento ao seu labor a prol da cultura galega. Luz Pozo, Xosé Neira Vilas, Silverio Rivas, Xaime Isla Couto, Isaac Díaz Pardo, Jaime Garrido, Amancio Prada e Carlos Oroza son algúns dos nomes que foron galardoados en anos anteriores pola fundación.

-Que supón este premio para vostede?

-É unha cousa absolutamente inmerecida. Eu non son un crítico de arte, nin moito menos un especialista en Laxeiro pero agradezo moitísimo á Fundación que queira asociarme á memoria dun pintor tan importante. As fundacións entorno a un escritor ou un pintor están funcionando agora mesmo como billas de liberdade e de consistencia da nosa cultura. Para min é emocionante recibir este premio.

-Dará algún discurso na comida de entrega?

-Supoño que si, seguiremos a tradición dos que foron antes distinguidos pola súa relación con Laxeiro.

-Como é esa relación que vos uniu a ambos?

-Laxeiro influíu moito na miña formación como observador de pintura. De rapaz vía cadros del por todas partes... e lía cousas sobre el. Concretamente recordo ler de mozo un número da revista Grial de Vigo adicado á pintura galega no cal falábase del e tamén falaba el nunha entrevista. Sempre me pareceu un pintor moi simpático ao que despois coñecín cando regresou de América. Tiñamos tantos amigos en común que eu sumeime á corte de admiradores.

-E que recordo lle quedou da persoa máis alá do artista?

-Fun vendo os seus cadros, murales, retratos... o que deixara antes de marchar a América no ano 50. Pareceume un home moi excepcional no sentido de que se expresaba oralmente dunha forma tan vizosa, tan inesperada e tan lúdica ao mesmo tempo, como é a súa pintura. Lúdica e inquietante.

-Por que cre que era inquietante?

-A pintura desde logo si porque ten unha dimensión surrealista. Laxeiro sempre está contando unha historia detrás dos seus cadros, incluso nas súas obras figurativas hai unha historia detrás. Non sabes en que consiste o misterio, pero está aí.

-O Padroado da Fundación Laxeiro otórgalle este premio pola súa traxectoria, dalle vertixe pensar niso?

-Non sei ben por que mo dan pero por ser admirador, e amigo, de Laxeiro xa o merezo. Non me da vertixe, todavía teño moitas cousas por facer e espero poder facelas. Pasou todo moi rápido pero aínda me queda un cachiño.

-Nos próximos días presentará en Vigo unha nova etapa da revista 'A Trabe de Ouro'.

-Queremos dar a coñecer esta nova etapa cun acto público coas persoas máis interesadas nunha revista de pensamento crítico. É unha etapa continuista pois segue o mesmo consello de redacción e a mesma orientación ideolóxica crítica co sistema vixente, de carácter de esquerda nacionalista aberta a todas as correntes.

-Entón continúa como director da revista?

-Claro. Morreremos coas botas postas, como di Errol Flynn na película.

Un artista basilar na configuración da Galicia contemporánea

  • Xosé Luis Méndez Ferrín naceu en Ourense o 7 de agosto de 1938 pero leva desde os anos cincuenta residindo en Vigo, onde foi catedrático de Ensino Medio no Instituto Santa Irene ata a súa xubilación no 2009. Realiza estudos universitarios de Filoloxía primeiro en Compostela e logo en Madrid, onde funda con outros estudantes e obreiros o grupo Brais Pinto, de capital importancia na renovación cultural e política da Galicia de finais dos anos cincuenta. Desde 1990 dirixe a revista de pensamento crítico "A Trabe de Ouro".As súas obras son basilares na configuración da Galicia contemporánea. "Percival e outras historias", "O crepúsculo e as formigas", "Bretaña Esmeraldina" e "Arraianos" xa forman parte esencial da narrativa galega. Son obras que revisitar e que non deixan de aportar ao lector. Así como "Arnoia, Arnoia", a súa incursión na literatura infantil e xuvenil. "Con pólvora e magnolias" é o seu poemario icónico, mais na súa poesía tamén destacan "Estirpe", "Contra Maquieiro" e "Era na selva de Esm". Como ensaísta publicou "De Pondal a Novoneyra" e "Vigo: fronteira do alén", entre outros títulos. Pedrón de Ouro, Premio da Crítica, Trasalba, Losada Diéguez de creación literaria, da Cultura Galega, Ramón Otero Pedrayo... son múltiples os galardóns que recibiu na súa traxectoria en Galicia.

Compartir el artículo

stats