No Día internacional do Cancro Infantil, o programa A Revista da Televisión de Galicia (TVG) desprazarase hoxe ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde se desenvolverá un acto en que actuarán algúns compoñentes da Real Filharmonía de Galicia e onde o programa se informará acerca desta enfermidade con Gonzalo Autrán, presidente da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia.

O espazo da TVG tamén viaxará a unha granxa de Chantada, onde acaban de desenvolver un queixo azul moi especial. Falarase cos responsables de Airas Moniz, un queixo fabricado con leite de vacas Jersey, moi raras en Galicia, e que xa ten lista de espera nas vendas.