Beto Luaces é un traballador do Xulgado de Vigo, un lugar polo que pasan infinidade de casos, algúns tan rocambolescos que mesmo nin serían cridos nun libro de ficción. Alomenos, esa é a idea que este escritor compartiu onte co público de Club FARO. "A realidade sempre supera a ficción, se chego a meter as cousas do xulgado nunha novela, non o cren. Por desgraza existen eses casos".

Respecto da intención de convertir a Vigo na protagonista da súa novela, engadiu que "non é unha capital de provincia na que nunca pasa nada, como cidade industrial que é, hai conflito e aí a novela negra pode entrar sen problema".

No coloquio, editora e escritor falaron do movemento literario de novela negra en Galicia, o que se vén denominando Galicia noir. Apuntaron que todo comezou co Crime en Compostela do xornalista e escritor Carlos G. Reigosa, no ano 1984. Como autores que nos últimos tempos se decantaron en Galicia por este xénero literario, apuntaron Diego Ameixeiras, "o máximo exponente"; segundo subliñou Luaces, ademais de Domingo Villar, sen esquecer outros nomes que tamén se aventuraron nel como Elena Gallego ou María Xosé Queizán.

Non obstante Beto Luaces confesou que, a el, quen o "rescatou como lector foi Stieg Larsson", o sueco que asinou a triloxía Millenium protagonizada por Lisbeth Salander e Mikael Blomkvist. "Gustoume tanto que me volvín meter na literatura (de novela negra) e fun descubrindo outros autores, non sei se influído por esas literaturas".

Para Luaces, quen agora "dominan a novela negra" son os franceses; mentras que noutros países como Portugal inda pervive o estereotipo de non considerar o noir como un xénero de primeira.