O programa Luar ofrecerá esta noite unha completa e variada oferta musical, encabezada pola cantante, violonchelista e compositora Rosa Cedrón, unha das voces máis recoñecidas do panorama musical galego. Esta artista, fortemente vinculada coa música galega e cunha sólida carreira ás súas costas, comezou no grupo Luar na Lubre e agora continúa en solitario, cun segundo disco no mercado, titulado Nada que perder.

O espazo da TVG tamén recibirá esta noite a visita de Los Vivancos, compañía formada por sete irmáns e considerada o fenómeno escénico-musical dos últimos anos. Os seus espectáculos foron representados nos principais teatros do mundo e o recoñecemento ao seu labor viuse avalado non só pola crítica e o éxito das súas xiras, senón tamén polos numerosos premios recibidos.

Ademais, no escenario estará a banda galega Igloo, con doce anos de traxectoria e seis discos ás súas, costas, recoñecida como un dos referentes do indie nacional, que acaba de presentar o seu novo disco, Aquellos maravillosos daños.