O Camiño de Santiago como primeiro Itinerario cultural Europeo cumpre 30 anos da devandita declaración. Onte, na Catedral de Santiago, finalizaba o programa de homenaxe cun agasallo para os sentidos da man de máis de 20 músicos que interpretaron os instrumentos medievais do Pórtico da Gloria coordinados polo vigués Carlos Núñez. A composición de estrelas nesta actuación conformou unha auténtica Vía Láctea na que o público tamén gozou co fulgor de artistas como a portuguesa Dulce Pontes.

Precisamente, Pontes foi coprotagonista dun dos pratos fortes do concerto, cando foron interpretadas as Cantigas de Martín Códax que tamén contaron coas voces das pandereteiras de Xiradela. No caso de Núñez, foi a primeira vez que as tocou enteiras e todas.

Unhas horas antes do arranque do concerto, o mesmo Carlos Núñez recoñecía a FARO sentirse "moi contento" con este concerto, ó tempo que confesaba que levaba "toda a vida esperando este momento". A primeira conexión de Núñez coas pezas de Códax foi cando tocou algunhas con estrelas da música brasileira como Milton Nascimento ou Chico Buarque, acompañado por Xiradela.

Explicaba tamén o artista galego que este concerto é o segundo que facilitaba coa Orquesta Pórtico da Gloria e que a súa intención é convertilo nun futuro disco. "A primeira vez foi o ano pasado e a experiencia tiña moitos riscos; era todo un gran misterio porque non se sabía cómo sonarían todos eses instrumentos xuntos (...). Esta segunda edición é un grandísimo paso adiante porque imos ter como convidado a Jordi Savall, que é seguramente a única estrela planetaria de música antiga", explicou o gaiteiro e supervendas internacional.

Pero Savall non acudiu a Compostela só, senón que foi acompañado polo seu grupo Hespèrion XXI, integrado por músicos de primeiro nivel especializados en melodías antigas. "Está dando un espaldarazo á idea tan galega de que as músicas do pasado seguen vivas na oralidade. A tradición manteu un legado que existía hai mil anos", engadiu Núñez.

O músico galego destacou que "este concerto é un paso xigantesco porque os grandes músicos que van tocar connosco van elevar a un nivel fantástica todos eses sons milenarios".

A Orquestra do Pórtico da Gloria interpreta tódolos instrumentos plasmados na escultura da entrada á Catedral: en total, 24 músicos que inclúen un organistrum (a zanfoña xigante que sosteñen os dous anciáns centrais sobre os xeonllos); fídulas (especies de violíns); rota (instrumento lexendario), ademais de harpas e trompetas medievais.

"O Pórtico da Gloria ten un contido moi lexendario. É como un encontro entre o mundo atlántico e mediterráneo. É un caso insólito; é como se Galicia se adiantase a París porque no século XII aquí había xenios de música e poesía que se adiantaron ó resto de Europa. Por iso, temos o Pórtico cos seus instrumentos; os códices coas músicas e a oralidadeque dá a música tradicional para saber interpretalas", engade o artista e compositor olívico.

Inda que o concerto de onte bebeu do primeiro que deran o ano anterior Carlos Núñez e a Orquestra do Pórtico da Gloria, o gaiteiro explicou que foi "diferente no programa". Se na entrega de 2016, se fixera un "percorrido por mil anos de música; nesta ocasión" todo o directo se adicou á música medieval, sobre todo, do século XII, con "especial relevancia do Códice Calixtino así como ás cantigas medievais galegas".

Do Códice, interpretáronse algunhas das composicións musicais que recolle nun dos seus libros e que foron a apertura do concerto con gaita e organistrum. Ás outras pezas escollidas para a cita do Liber Sancti Iacobi foron tocadas sumáronse a Orquestra do Pórtico, o coro e os solistas destacando a melodía Dum paterfamilias, considerado o Himno do Peregrino e que foi tocado pola orquestra entre o público nun momento moi emocionante.

Por último, Carlos Núñez aproveitou para destacar que se ben é "unha marabilla toca-las Cantigas de Martín Códax en Santiago, non oculto que me gustaría facelo tamén en Vigo", a súa cidade natal.