"Vi depois, numa rocha, uma cruz. E o teu barco negro dançava na luz. Vi teu braço acenando, entre as velas já soltas. Dizem as velhas da praia, que não voltas: São loucas! São loucas!". No 1954, a emperatriz do fado Amália Rodrigues gravaba esta canción, "Barco negro", que tornaría nun éxito internacional. O tema, en realidade, era una versión dunha composición inicial prohibida polo réxime de Salazar e que falaba do Brasil escravista. Onte, a melodía voltaba á mente do escritor Xosé Luis Méndez Ferrín durante a presentación das xornadas en homenaxe a Xohana Torres que se desenvolverán en Vigo, na libraría Andel, os días 7 e 14 deste mes e nas que participarán referentes das letras galegas como Manuel Rivas, Chus Pato, Ana Romaní, o propio Ferrín e Xosé Luis Axeitos.

Este último, lembraba onte como un bo día acompañou a Ferrín á morada de Xohana Torres (1931-2017) en Vigo. "Ela -sinalou Axeitos- vivía nunha casa que parecía un barco. Os dous arrancaron a cantar unha canción en portugués". Era "Barco negro", engadiu Ferrín ó remate da presentación das xornadas.

O escritor lembraba que Torres "era unha gran fan dos fados; cousa que antigamente era moi común en Galicia. Tamén é verdade que era a idade final de ouro do fado. Agora, ese xénero é outra cousa; non digo que estea mal".

Este autor, expresidente da Real Academia Galega (RAG) será un dos persoeiros que participe nestas xornadas na honra de Torres para ofrecer unha charla que acollerá Andel sobre a autora galega, que dirixiu o primeiro programa cultural, no ano 1965, en lingua galega trala Guerra Civil. Será o vindeiro martes, a partir das 20.00 horas tarde, cita na que tamén tomarán parte Manuel Rivas; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e o director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez.

Todos serán presentados por Axeitos, verdadeiro artífice desta iniciativa, que pasará a ser orador no día 14, tamén a partir das oito da tarde, acompañado polos académicos Francisco Fernández Rei, Chus Pato, Darío X. Cabana e a poeta máis xornalista Ana Romaní. Neste día, a presentación correrá a cargo do autor de Con pólvora e magnolias.

No encontro coa prensa, este detallaba que Xohana Torres -unha das grandes das letras galegas pola singularidade da súa literatura- foi "unha gran escritora galega" que viaxou moito polo mundo dada a profesión de marino mercante do seu marido; e que mesmo foi "discípula" de referentes como Otero-Pedrayo, "xente extraordinaria e irrepetible" que coñeceu así como doutra que non coñeceu. Neste segundo grupo, incluíu a Jean Paul Sartre e Camus.

Axeitos explicou que a idea de organizar estas xornadas xurdiu o mesmo día no que finou pensando entre amigos e admiradores que debería ser nunha librería "que nos está regalando cachos de vida e humanidade de todo o mundo" e que se atopa a poucos metros de onde ela viviu gran parte da súa vida, na avenida Camelias da cidade olívica.