A escritora viguesa An Alfaya (Mª Ángeles Alfaya Bernardez) gañou a segunda edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta coa súa obra "O home de negro". A entrega terá lugar o vindeiro venres, día 3, na sede da Fundación en Gres, coincidindo co 89 aniversario do nacemento do autor.

Este galardón, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, está dotado con 1.000 euros e a publicación da novela.

O xurado destacou a "gran calidade das decenas de traballos presentados a concurso". Entre eles, o tribunal valorou a capacidade da obra para "tecer unha historia con fortes doses de intriga" e unha "notable economía de recursos, adelgazando a presenza de personaxes e escenarios para lograr unha extraordinaria concentración expresiva na que a linguaxe da súa prosa xoga un papel principal".

An Alfaya (Vigo, 1964) ten unha extensa obra literaria dirixida tanto ao público xuvenil como ao adulto. Así, publicou as novelas "A recortada (Xerais, 1999)", "Desventura (2003)", "Matei un home (2005)", "A sombra descalza (Xerais, 2006)", "Illa Soidade (Xerais, 2007)", "Area quente (2009)", "Vía secundaria (Xerais, 2011)" e "Muros de aire (Xerais, 2015)".