Falaba con el constantemente desde que foi meu profesor. E, últimamente, falaba cada día desde que ingresou no Vall d'Hebron. A última vez foi o pasado luns pola noite. As últimas palabras que lle oín foron para se rir da parca, a que seguía "bailando tras súa", como adoitaba dicirme desde hai tres anos. O mércores, ás oito da mañá, soaba o meu teléfono, co nome de Mosterín na pantalla. Temín o peor. Era Úrsula, a súa muller, que me informaba do fatal desenlace. A primicia da noticia quedaba reservada para a familia e para min, como me dixo ela, porque a dor é sinónimo de empatía. O enterro ía ser en Moiá na máis estrita intimidade familiar.

Foise un home entrañable, excepcional, mente preclara, extraordinariamente intelixente, apaixonadamente curioso por coñecer todo o que xurdía novo ante os seus ollos alí onde viaxaba. Foi o Aristóteles dos últimos tempos, reencarnado do século IV a. C. Tremendamente próximo cos amigos pero vehemente e belixerante cos maltratadores de animais, co comercio de armas, cos nacionalismos, coa corrupción, coa violencia? Nos debates destes temas era provocador, o que espertaba a súa antipatía entre políticos, toureiros e nacionalistas? Da mesma forma que o seu liberalismo radical lle orixinou críticas severas por parte de colegas filósofos amigos.

Á marxe da nosa amizade, de Mosterín queda para a sociedade a súa inmensa aportación á filosofía das últimas décadas e a súa singular maneira de ver o mundo. Claridade e rigor son aspectos recoñecidos nas súas innumerables obras, propios e xenuínos dun espírito ilustrado e lóxico como o seu. Despois de darlle a noticia do deceso de Jesús a Mario Bunge, ilustre amigo seu, contestoume: "Laméntoo, porque Jesús foi un personaxe clave na modernizacion do ensino da lóxica e a teoria de conxuntos". Con todo, Mosterín foi moito máis que iso. O seu interese pola lóxica, da que forma parte a teoría de conxuntos, representa o primeiro chanzo no camiño á gran obra mosterinana. Esa etapa, iniciada a finais dos anos sesenta, pronto foi clausurada, aínda que nunca esquecida. A súa inmersión na ciencia determinou a súa liña de investigación e creación filosófica das últimas décadas. A aparición de Racionalidad y acción humana xa sinala un certo xiro no seu compromiso coa lóxica, que se acentúa nos cinco primeiros tomos da Historia da Filosofía -desde o Pensamiento arcaico ata o Pensamiento clásico tardío- nos anos oitenta. Aparecerían despois libros tan importantes como Conceptos y teorías en la ciencia; Vivan los animales; Los lógicos; La naturaleza humana; La cultura de la liberad; La cultura humana; La hélade; Los judíos; El islam; Ciencia, filosofía y racionalidad; El triunfo de la compasión?

E en Vigo, Mosterín era un vigués máis. A súa imaxe queda inmortalizada na memoria de moitas persoas que gozaron das súas conferencias, intervencións e mesas redondas durante vinte e tres anos de Xornadas de Filosofía organizadas polo Grupo Aletheia, nas que sempre participou e das que foi a súa alma mater. Este mesmo ano tiña pensado concorrer ás XXIV, nas que lamentablemente xa non poderá participar e nas que o imos estrañar. Mesmo, as súas intervencións no Club FARO presentando algúns dos seus libros eran frecuentes. Son moitos os que cada ano esperaban a súa intervención e a súa proximidade afable e risoña. Queda, porén, para os seus amigos, admiradores e seguidores do seu nítido pensamento unha pegada imborrable que levaremos connosco durante toda a vida.

* Profesor de Filosofía