Os Premios da Cultura Galega 2017 xa teñen os seus persoeiros distinguidos. Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados nas modalidades de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultura e Proxección Exterior, respectivamente.

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, foi o lugar escollido pola organización dos premios, a Consellería de Cultura, para comunicar os elixidos. O xurado estivo formado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández, por delegación do seu presidente; polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; e polo secretario xeral da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, Felipe-Senén López, entre outras persoas.

A Xunta de Galicia, como sinalou na nota que deu a coñecer onte á prensa, "convoca anualmente estes premios co obxecto de apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos diferentes ámbitos".

O galardón deste ano consistirá nunha obra do artista lucense Paco Pestana, que os premiados e premiadas recibirán nun acto solemne que, de momento, non ten a data fixada. Hai tamén que lembrar que estes galardóns non teñen dotación económica.

De seguido, resumimos algúns dos fitos das carreiras dos homenaxeados.

Xohana Torres. Recentemente finada en Vigo deixando un fondo pesar entre a comunidade lectora das súas obras e as orellas que a seguiron no primeiro programa radiofónico sobre cultura feito en Galicia trala II República, a poeta mereceu o galardón pola súa obra. Comezou con Do sulco (1957) e proseguiu con obras como Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981), Tempo de ría (1992) ou E lexía a Lola (2016). En 1971 publicou a súa única novela, Adiós, María, e, un ano despois, o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos. Da súa faceta de dramaturga naceron Á outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, mentres que Polo mar van as sardiñas e Pericles e a balea son froito do seu cultivo no eido da literatura infantil e xuvenil.

Berta Cáccamo. Iniciou o seu camiño expositivo no 1986 ó licenciarse en Belas Artes. A partir de aí, fuxiu pola escada da non figuración para fixarse na abstracción e arte conceptual.

Mabel Rivera é outra das mulleres premiadas este ano. Esta actriz iniciouse no mundo do teatro na década dos setenta. Foi protagonista de Pratos combinados; levou un Goya á mellor actriz con Mar adentro de Amenábar.

Uxía Senlle, pola súa parte, comezou a andaina na música en 1985. Impulsou o Festival Internacional de Lusofonía Cantos na Maré, así como proxectos para público infantil como María Fumaça.

Óliver Laxe. Este cineasta galego xa pasou á historia por recibir dous premios en Cannes. O primeiro polo filme Todos vós sodes capitáns. O segundo, por Mimosas.

Cristina Pato. O premio recoñece a proxección exterior da cultura galega que fai esta gaiteira e pianista que colabora no Silk Road Project en Estados Unidos.

Por último, tamén reciben a distinción a Fundación Rosalía de Castro e o proxecto Apego, programa colectivo creado para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.