17 de septiembre de 2017
17.09.2017

Benvida, Pippi Mediaslongas

O clásico universal e imprescindible de Astrid Lindgren publícase traducido ao galego en Kalandraka

17.09.2017 | 19:19
Pippi, co mono señor Nilsson.

"Nas aforas dunha vila pequeniña había un eido abandonado. No eido había unha casa vella e na casa vivía Pippi Mediaslongas. Tiña nove anos e vivía completamente soa, sen pai nin nai. Iso era unha vantaxe, pois non había ninguén que a mandase para a cama xusto cando máis estaba a divertirse, e ninguén que a obrigase a tomar aceite de fígado de bacallau cando prefería comer lambetadas?".

Así comeza a versión en galego da obra máis emblemática de Astrid Lindgren, a transgesora, rebelde e única "Pippi Mediasglongas". A editorial galega Kalandraka publica este mes a novela, traducida por David Álvarez e coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman. De feito, a súa portada xa está a imprimirse nunha empresa gráfica de Poio, segundo confirman fontes da editora.

Nenas e nenos de todo o mundo teñen pasado horas inesquecibles de lectura na compaña das aventuras e das extravagancias desta nena, do seu mono señor Nilsson e do seu cabalo.

Pero a obra non gozou desde o principio dun éxito tan rotundo.

Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos -tanto no eido da literatura, coma da educación- tildárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi, rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores.


As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade nórdica da época. É que "Pippi" xa naceu hai 76 anos.

A súa autora, Astrid Lindgren (Suecia, 1907 - 2002) creou a historia de Pippi Mediaslongas en 1941 para entreter a súa filla enferma. Dous anos despois, a autora regaloulle o manuscrito á nena polo seu aniversario. En 1945 gañou un concurso literario e foi publicado, cunha enorme repercusión en todo o mundo, sendo traducido a numerosas linguas.

A autora, que naceu nunha granxa sueca chegou a publicar máis de 60 libros pioneiros na defensa dos dereitos da infancia e das mulleres, da igualdade, da non violencia, da natureza e dos animais.

Debate sobre o "exemplo"

Pero o debate sobre o modelo que proxecta a nena, a priori xa caduco, reabriuse recentemente. O ano pasado a editorial Blackie Books reeditou a "Pippi Calzaslargas" para celebrar o 70 aniversario da mítica personaxe.

¿Desde cando os libros han de dar exemplo?, preguntábase a escritora e filósofa experta en literatura infantil, Ellen Duthie, no prólogo desa edición. A cuestión que se suscita Duthie non é insustancial: ¿a literatura infantil e xuvenil, debe ser sempre aleccionadora, edificante e instructiva? É evidente que Pippi é un canto á individualidade do neno; unha labazada ao argumentario do "porque si".

Convertido nunha icona contemporánea, este personaxe literario inspirou unha serie na televisión sueca en 1969 e varias películas protagonizadas tanto por actores como con debuxos animados. Tamén chegou a España a finais dos anos setenta.

Con todo, aínda existen dúas características que fan singular a este personaxe. Por unha banda, Pippi influíu enormemente en que Suecia convertésese no primeiro país do mundo en prohibir o castigo físico infantil en 1979. Pero tamén a nena do pelo roxo e pencas mudou a cuestión de xénero: pode ser un modelo para as cativas pero tamén un espello para os nenos. É que a Pippi non se lle ocorre pensar que ser nena teña que ser algo distinto que nacer neno.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


Enlaces recomendados: Premios Cine