"As escritoras ficamos orfas". Con estas verbas manifestouse a escritora Marilar Aleixandre nas redes sociais esta noite de martes na que se coñeceu o pasamento da poeta, dramaturga e novelista Xohana Torres. "Temos os seus libros", engadiu como acougo.

O poema de Torres "Eu tamén navegar" buliu polas redes como en marea alta. Foron moitos os que compartiron eses versos que rematan así: Así falou Penélope: / Existe a maxia e pode ser de todos / ¿A que tanto nobelo e tanta historia? / Eu tamén navegar.

De feito, o hashtag #eutaménnavegar popularizouse grazas a escritores como Ismael Ramos. "Queda agora o oco inmenso. Sempre a luz", manifestou Ramos no Twitter.

"Nesta hora, amparada a poñente, / (...) é que nada se entenderá de todo / se antes non regreso ao punto de partida". Recolleu no seu perfil de Twitter a tamén poeta Dores Tembrás, en recordo de Torres. "Unha das voces máis imprescindibles e senlleiras do noso tempo", afirmou o crítico Ramón Nicolás ao coñecer a triste nova.

O editor Miguel Anxo Fernán Vello quixo recordar o poemario de Torres, "Tempo de Ría", editado por Espiral Maior. "Descanse na eternidade", sentenciou.

"Faleceu Xohana Torres, unha das voces máis poderosas da poesía galega. Seguiremos a navegar a través da túa obra, grazas Xohana por tanto!!", chiaron os membros da editorial Galaxia no seu Twitter.

Antía Otero, Fran Alonso, Helena Villar Janeiro, Chus Pato, Alba Nogueira, Alexandra Fernández, Martiño Noriega, Yolanda Díaz, Olalla Rodil, Ana Pontón? Foron moitos os que reaccionaron nas redes sociais para despedirse de Xohana Torres, a artífice do primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, "Raíz e tempo", en La Voz de Vigo.