Kiko da Silva, o único galego invitado á XX edición de Viñetas desde o Atlántico, é o creador do personaxe infantil Fiz, que ilustra libros e revistas dende 2003. Tamén é fundador da primeira escola profesional de banda deseñada de Galicia.

-Unha das súas creación máis queridas polo público é Fiz . Que quería transmitir ao público coa creación deste personaxe?

-Realmente o que quero é transmitir o mundo da infancia, non só entre os nenos, tamén entre os adultos, intentar que a paixón pola lectura e pola banda deseñada non se perda. Agora hai que loitar cos videoxogos, a televisión, internet, por iso hai que ofrecerlles aos cativos libros educativos pero divertidos á mesma vez. Temos que realizar libros, sobre todo en galego, que gusten aos nenos, que os disfruten e os compartan, e introducilos no colexio. Eu intento sempre que fago Fiz entrar dentro do meu mundo infantil e buscar o neno que todos temos dentro.

-A lingua galega semella que se está a perder cada día máis, co seu traballo tamén intenta loitar contra isto.

-Si, pero é moi difícil e complexo. Custa moito publicar banda deseñada en galego, agora se está empezando a producir, pero o que máis se encontra son traducións. Eu decidín escribir sempre en galego, aínda que a edición fose a salir en castelán, pero pedía aos meus editores que me deixaran a edición en galego libre para publicala eu. Intento aplicar o meu pequeno gran de area a todo o que falta por facer para a mellora da difusión da nosa lingua. Se os autores galegos conseguimos que os editores tradicionais empecen a ver que hai mercado, empezarían a abrir coleccións.

-Coa creación da súa escola, o Garaxe Hermético, moitos rapaces poden agora emprender un estudo profesional desta materia. Como surxiu o proxecto e en que se converteu?

-Cando puxen en marcha a escola foi un poco como plan de futuro, se aceleramos o proceso de formación, vai haber máis xente producindo banda deseñada. Pasaron xa máis de 100 alumnos, e algúns xa están publicando. Mañá [por hoxe] fago públicos os premios de fin de carreira, son dúas rapazas, que tamén é algo importante, xa que hai que normalizar a presenza das mulleres dentro do cómic. Agora, no curso que vén temos un 70% de mulleres matriculadas, empezan a cambiar os tempos. O Garaxe o que produce é unha profesionalización máis intensiva. Unhas das cousas máis importantes que creo que ofrecemos é esa parte máis alá do debuxo, como escribir historias, pero tamén ensinamos a xestionar a profesión, a ler un contrato, como funcionan os dereitos nacionais e internacionais, saber levar unha contabilidade para poder ser autónomo o día de mañá... cousas básicas e útiles para o seu futuro profesional.

-E grazas a escola, agora traballa con algúns dos alumnos na creación de Castelao, alma galega .

-Si, apetecíame probar a traballar con aprendices. Eles están a facer un traballo, e gañan a parte económica que lles corresponde, claro está. E unha maneira de aprender facendo directamente a banda deseñada. Así coñecen dende dentro a autoesixencia dun autor, viven o proceso real de producción; se a campaña ten que estar para dentro de tres meses non te podes prolongar; eso é o que lles custa máis traballo. Tamén hai que deixar claro que Asterix non está producida solo por Uderzo, ten moita xente detrás.