Xesús Alonso Montero, profesor, escritor e sociolingüista, foi presidente da Real Academia Galega dende 2013 ata 2017. Recoñece que foi "acumulando" durante a súa vida bastantes veráns: "Neste momento 88, polo que poida que persoas moi achegadas a min se molestan pola miña escolla, pero elixín un verán de gran impacto para min, xullo de 1962, cando fun enviado a Moscova, á Unión Soviética".

Acababa de ingresar no Partido Comunista tres meses antes, unha afiliación clandestina e perigosa durante a ditadura franquista; e non se facía grandes ilusións do que iba a atoparse na URSS. "Eu militei e milito no Partido Comunista porque estou convencido da necesidade dunha sociedade máis xusta, co 'home novo', que cre na igualdade, que carece da codicia e descoñece a palabra corrupción". Cando no partido comunicáronlle que pensaban nel para ir á URSS quedou desconcertado de ter que asumir tanta responsabilidade, "porque era novato no partido e non tiña a madurez política suficiente, pero o meu corazón brincou de entusiasmo coa esperanza de observar in situ as realizacións industriais, económicas e, sobre todo, morais do comunismo. Estaba pouco formado, pero ía ter a posibilidade de visitar un país que supuña un horizonte de harmonía para nós. Non era tan iluso de pensar que alí xa se producira o 'home novo', pero sí unha sociedade alonxada do capitalismo".

Nos 60, o pasaporte español dicía: "Este pasaporte es válido para todos los países del mundo excepto Rusia y países satélites". "Se selaban en Rusia o meu pasaporte, ao chegar á fronteira española deteríanme. Todas as precaucións que se adoptaran eran poucas frente á policía española e mais a CIA. En París o Partido Comunista francés falicitounos un pasaporte falso que devolvín ao regreso", recorda Alonso Montero.

Para ese documento solicitou o nome de Alonso Quijano; e unha vez en Kiev, capital de Ucraína, unha das repúblicas de maior importancia na URSS; un conserxe preguntou por Alonso Quijano e non se deu conta ata pasado un bo rato. Agora pensa que o fixo mal, posto que deixou claves. "A policía xa sabía que lle dedicaba moita atención e entusiasmo ao Quixote nas miñas clases, e que o alcumaba 'revolucionario do século XV'. Non foi prudente pola miña parte", lamenta o catedrático, que fixo nesa viaxe unha gran amizade co poeta José Agustín Goytisolo e o director teatral Ricard Salvat.

Miles de persoas de todo o mundo acudiron a Moscova en 1962 ao Congreso da Paz ó que fora invitado Alonso. "Esa palabra, 'Paz', tiña entón unhas connotacións moito máis fortes, e os países socialistas estaban interesados nela debido tanto ao sentido humanista do comunismo como a motivación práctica de cesar a competencia con EEUU, de forma que a URSS non tivera que dedicar tantos ingresos á política armamentística", recalca.

Ir ao país soviético tiña consecuencias que conlevaban, como mínimo, a suspensión de emprego e soldo na profesión, e durante anos non lle contou esta viaxe a ninguén, "o sabían a miña familia e 3 ou 4 compañeiros". No Congreso da Paz coñeceu tamén a Marcos Ana, que militou de adolescente nas Xuventudes Socialistas Unificadas e foi encarcelado en 1939, pasando en prisión 23 anos como preso político. Alonso Montero quedou espantado co relato por parte do propio Marcos Ana das torturas que padeceu na cárcere, e engaiolado cos versos que escribira nas prisións franquistas.

O Congreso foi inaugurado por Kruschev, presidente do Consello de Ministros da URSS e Secretario Xeral do Partido. Minutos antes de subir á palestra, o catedrático vigués tivo ocasión de saudar a Yuri Gagarin, astronauta soviético de só 1,57 metros de altura, que se convertera un ano antes no primeiro ser humano en viaxar ao espazo; a Nicolás Guillén, poeta cubano que era lido clandestinamente en España, e á escritora arxentina María Rosa Oliver, "cun espíritu estraordinario, pois vivía nuncha cadeira de rodas", recorda o filólogo. Na sesión inaugural falaron por cinta magnetofónica Bertrand Russell e Sartre; o que supuxo un forte impacto para el, "un xoven de 30 anos e dunha cidade amurallada coma Lugo".

"Kennedy aínda non fora asasinado e el e mais Kruschev sostiñan o mundo. En outubro de 1962 sería a crise dos mísiles de Cuba, e todos pensábamos que ía estalar a III Guerra Mundial, e que sería a definitiva. Pero ambos decidiron ceder nas súas posicións", lembra Alonso Montero.

Aquela foi para o profesor unha viaxe sagrada, que escondeu públicamente ata 1976, un ano despois da morte de Franco, cando Victor Freixanes, o seu futuro sucesor coma presidente da RAG, a mencionou no seu libro "Unha ducia de galegos", para o que tamén entrevistara a Otero Pedrayo e outros.

En San Petesburgo, Leningrado naquel tempo, visitou o museo de L' Hermitage. Alí estaba exposto un cadro de Antonio Puga, pintor galego do século XVI, 'O afiador'. Pero sobre todo recorda o temor del e dos seus compañeiros de posibles consecuencias no regreso, e as súas reflexións ó cuarto día paseando pola Praza Roxa, epicentro do comunismo mundial. "O Kremlin era o noso faro, e eu non chorei pero esbagoei por dentro, sen necesidade de que se exteriorizaran as bágoas. Porque había cousas naquela sociedade que non me gustaran". Aquel profesor, ao final, asume que desexaba atoparse con algo e quedouse lonxe diso. "Non estaba no Partido Comunista para ter máis, senón porque estaba contra a inxusticia social, polo que nese momento en España só loitaban os comunistas. O impacto que tivo en min a URSS foi en certa medida negativo. Ese día pensei qué facía nun partido que non conseguira crear unha sociedade igualitaria,cando levaba gobernando dende 1917. ¿Por qué arriscar a miña profesión, a vida, a tranquilidade dos meus fillos, militando nel, se non fixera grandes cousas? Pero decidín seguir porque o capitalismo parecíame inicuo, canalla, atroz, e cada vez paréceme máis. Aínda que só sexa para dar testemuño de que queda algo do lume que é a causa social de Marx, de Lenin, de Rosa Luxemburgo, de Francisco Fernández Buey, (que foi alumno seu); de Carlos Núñez, Luís Ferreiro..."