Un total de 780 nenos e nenas que desfrutan dos campamentos de verán que ofrece a Xunta de Galicia participaron no programa de dinamización lingüiística "O galego campa!"promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e máis pola Secretaría Xeral de Política Lingüística ao longo deste mes.

Só entre o 15 e o 24 de xullo, as actividades alcanzaron a un total de 12 campamentos que integran a Acción de Verán 2017, é dicir, aos albergues xuvenís de Quiroga, Equal (Coles), Penedos de Xacinto (Entrimo) e á Mariña Española (Sada), ademais dos campamentos xuvenís Illa de Onsa (Bueu), Espiñeira (Boiro), Os Chacotes (Palas de Rei), Furelos (Melide), A Devesa (Ribadeo) e Pontemaril (Forcarei).

Con todo, neste mes o programa de dinamización lingüística chegará a outros sete campamentos máis que se desenvolverán no Complexo O Corgo(Muíños), na Estación de Montaña de Manzaneda, no Campamento Xuvenil Virxe de Loreto (Porto do Son) e nos albergues xuvenís de Gandarío (Bergondo), Equal e As Sinas (VIlanova de Arousa).

En total, nesta sétima edición, 'O galego campa!' estará presente en 19 campamentos que se celebrarán en 15 instalacións diferentes das catro provincias galegas. Deste xeito, chegará a preto de 1500 rapaces e rapazas de 9 a 17 anos participantes nas actividades estivais da Xunta de Galicia para a mocidade.

Mover a lingua

'O galego campa!' é un programa de dinamización lingüística que as consellerías de Cultura e Educación e mais de Política Social desenvolven a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Desde a súa posta en marcha en 2011, 'O galego campa!' vén ofrecendo actividades para promover a visibilización e o uso da lingua galega no contexto dos campamentos de verán, así como formación e recursos para o monitorado. Estes últimos están recollidos dende o 2015 no "Repositorio dixital do tempo libre en galego", ao que se pode acceder desde o Portal da lingua galega.