A banda Tremiñado de Ponteareas (Pontevedra) resultou gañadora onte na categoría de primeiro grao, a principal das tres divisións nas da Fase Final da XXVI Liga de Gaitas, que se celebrou na Cidade da Cultura.

O encargado de entregar este galardón, denominado Premio Xunta de Galicia, foi o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, quen reafirmou o compromiso do Goberno galego co apoio ás agrupacións e organizacións como a Federación Galega de Bandas de Gaitas.

O conselleiro gabou a calidade técnica das doce agrupacións finalistas e destacou a implicación de todos os participantes na protección e transmisión da música tradicional.

O presidente da Federación Galega de Gaitas, Hipólito Cabezas, puxo tamén en valor a importancia deste tipo de eventos que "representan unha oportunidade para que as bandas se fixen novos obxectivos técnicos e interpretativos, unha motivación para continuar nun proceso de esixencia continuo".

Os vencedores no resto das categorías foron a Escola de Gaitas Provincial de Pontevedra no segundo grao e a banda de San Xoan de Paramos (Tui) no terceiro grao. Asemade, obtiveron os segundos postos a banda Xuntanza de Cataluña no primeiro grao, Mato Vizoso de Vilalba no segundo grao e Agarimo de Catabois B no terceiro grao. O terceiro posto foi para a banda de Esgos no primeiro grao e para Xuntanza de Cataluña B no terceiro grao.

A Liga Galega de Bandas de Gaitas, que se celebrou por vez primeira no ano 1990, chegou neste exercicio de 2017 á súa XXVI edición. Nove bandas participaron na Fase Final, en concreto a da Escola de Gaitas Provincial de Pontevedra con sede na cidade do Lérez, Agarimo de Catabois e Agarimo de Catabois (B), Xuntanza de Cataluña e Xuntanza de Cataluña (B), San Xoán de Paramos, Mato Vizoso de Vilalba, Esgos e Tremiñado.