Nos portos cerqueiros de Galicia segue vivo o espírito dos vellos barcos da tarrafa, coa que os expertos patróns perseguían o cardume para cercalo. "Pescadores de historias" quere facerlle hoxe unha homenaxe a este barco tradicional, que evolucionou na actualidade aos barcos de cerco.

O programa da Televisión de Galicia (TVG) falará con Manolo Caínzos, que, aínda que traballou outras artes coma o arrastre, séntese mariñeiro de cerco. Juan Barreiro e o seu fillo Sergio Barreiro son tamén mariñeiros apaixonados pola arte do cerco, pero separadas no tempo as súas épocas de traballo. Juan xa está retirado e Sergio leva só cinco anos no oficio. Ambos os dous explicarán as diferenzas nas formas de traballar de cada época.

Con José Currás, patrón en activo, "Pescadores de historias" subirá ao seu barco, unha tarrafa moderna, para ver a diferente maquinaria que se utiliza na arte do cerco. Os espectadores tamén coñecerán unha vella tarrafa que hoxe ten unha nova vida, o "M. Presas", un barco que ía destinado ao despezamento, pero que mercou o Concello de Ares para destinalo a travesías turísticas polo Golfo Ártabro. X.H. Rivadulla Corcón falará co patrón deste barco, Carlos Macho.

Na praia de Ares, o programa atoparase coa peixeira Mari Carmen Otero, filla, muller e nai de mariñeiros, que explicará como se leva ter todos os homes da familia no mar.

Estrea de "Peregrino"

Por outra banda, a partir de hoxe chegará ás tardes do domingo "Peregrino", un espazo onde o espectadores poderán ver o Camiño de Santiago desde outro punto de vista. O programa acompañará a persoas anónimas que percorren o Camiño e dará a coñecer as súas vivencias.

"Peregrino" amosará non só a beleza dos camiños, vilas, xentes e lugares pintorescos que os camiñantes percorren ata chegar a Santiago, senón tamén a beleza das persoas que o percorren, os seus intereses e as súas motivacións. Hoxe, o reporteiro Xiraldo coñecerá tres mozos cuxas vidas se cruzaron no camiño e que unha fortísima amizade fará que continúe alén de Santiago.