06 de julio de 2017
06.07.2017

Docencia fóra da cuadrícula

Educación distingue por excelentes cinco proxectos de innovación educativa e lingüística de centros galegos - Versan sobre autoras, a toponimia ou plataformas de comunicación

06.07.2017 | 01:50

Aulas "excelentes",que van moito máis alá do escuadro e o cartabón nas súas ferramentas de aprendizaxe. Cinco proxectos galegos, tres deles de centros docentes da provincia de Pontevedra, acaban de acadar o recoñecemento de "excelentes" por parte da Xunta, saíndose da cuadrícula do sistema convencional. Alumnos que exercen como xornalistas á hora volcar os seus traballos na radio ou televisión escolar, aulas que afondan na historia e cultura da súa localidade a través da toponimia do lugar, ou estudantes que elaboran curtas documentais para compensar a o esquecemento histórico de importantes autoras galegas. Son algunhas das innovadoras actividades dos cinco proxectos seleccionados, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elixiron e aos que se lles recoñece a consideración de excelentes.

Foron "A lingua delas, a nosa lingua, do IES Plurilingüe Aquis Celenis" de Caldas de Reis; "A palabra é vida e vai ao lonxe", do CPI Plurilingüe de Vedra, na Coruña; "Nós somos un mundo: Cuntis, concello amigo da lingua", do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, en Pontevedra; o "Proxecto Informa.gal", do CEIP de Viñagrande-Deiro, en Vilanova de Arousa e por último "Un novo Broadway en Verín: o musical "Grease", do IES Xesús Taboada Chivite de Verín, en Ourense. Cada un dos proxectos seleccionados recibe unha dotación económica de 2 000 euros.

Comezando polo CEIP de Deiro, o seu director, Javier García, recoñece sobre o "Informa. gal" que "a nosa intención con este proxecto foi crear un espazo para dar saída aos traballos do alumnado, e ao mesmo tempo, conseguimos que os nenos adquiran competencia lingüística en lingua galega". "Entendemos que hai que dar saída a todo o traballo que fai o alumno, que non se pode quedar no caderno, porque perde motivación e por iso fixemos "O Informadeiro", explica Javier García. Con este proxecto, todo o que se elabora nas aulas ten repercusión no exterior a través da radio, a televisión, un xornal e redes sociais e todas esas plataformas son manexadas polos propios alumnos. O director insiste en que o proxecto é "un lugar onde traballar cos medios para mellorar tanto a competencia lingüística en galego como a dixital; nesta última, este traballo demostra que, cando aos rapaces se lle dá a oportunidade de que cren contidos por eles mesmos, desenvólvense se maneira natural no uso destes espazos comunicativos".

No CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis, o proxecto involucrou a profesorado de diversas áreas (educación física, lingua galega, castelá, latín, música e antropoloxía) e foi un completísimo traballo que abordou desde música galega de mulleres de diferentes estilos musicais -as cancións que se recolleron, logo dunha profunda análise de estilos e autores, xa se pode escoitar directamente no blog do centro-. Outro dos aspectos nos que traballaron foi "Esquecidas e mal recordadas", unha selección de curtas documentais realizadas integramente polo alumnado, "coas que devolver o recoñecemento da historia de tantas mulleres galegas ás que o pano dos séculos teimou en tapar ou desdibuxar". O alumnado de latín tamén traballou na figura de Exeria, e unha entrevista que foi representada teatralmente.

Así mesmo ocorre co colaborativo programa "Nós somos un mundo: Cuntis, concello amigo da lingua", do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, que foi escollido como un dos cinco mellores neste ámbito en todo o territorio galego.

O proxecto titulado "A palabra é vida e vai ao lonxe" presentado pola profesora Xulia Marqués, do CPI Plurilingüe de Vedra (A Coruña) , foi outro dos seleccionados. O proxecto céntrase na toponimia -conxunto das denominacións propias dos lugares- que é "un tesouro para un país" e peza fundamental para entender o desenvolvemento da historia e cultura. Por iso o proxecto ía dirixido a todas as etapas educativas do centro e conta con dous eixes de actuación: no propio centro e na contorna do mesmo. Contou coa colaboración do Equipo de Dinamización de Lingua Galega e dos equipos docentes de Infantil, Primaria e Secundaria, así como do Concello de Vedra e Asociacións Culturais da contorna do centro. O proxecto entroncaba tamén co programa "Vedra Medra", que acadou o premio Antonio Fraguas como proxecto didáctico durante este curso. Os materiais deste programa serán expostos no Museo do Pobo Galego a partir do mes de setembro.

"Facendo de Verín un novo Broadway: o musical "Grease", do IES Xesús Taboada Chivite é a última versión dun musical que pon en marcha o centro. Dáse nas ensinanzas medias, concretamente en segundo ciclo da ESO e Bacharelato, segundo o profesor David Rodríguez Rivada. Ten por obxecto fomentar o traballo en equipo, o desenvolvemento da capacidade crítica e a sensibilización ante a arte e as súas manifestacións, segundo asegura a Revista Galega do Ensino. O centro xa comezou cunha versión teatral e poética do musical "Os miserables" no curso 2013 e no seguinte apostaron pola versión cabareteira do "Moulin Rouge". Logo atrevéronse a traducir ao galego o musical "Mamma mia!", con máis de 14 cancións, 8 coreografías e 17 escenas teatrais. Logo chegaría o turno de "Hoy no me puedo levantar", baseado na música de Mecano, -involucra a Plástica, recursos técnicos en Tecnoloxía, cuestións teatrais e lingüísticas en lingua castelá e lingua galega, mesmo as linguas estranxeiras e as coreografías traballadas desde educación física-.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Patrocinado por nombre

Loterí­a de Navidad 2019

FaroEduca