María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1941 - Pontevedra, 2005) será a protagonista do Día das Letras Galegas do vindeiro ano, segundo aprobou onte por maioría a Real Academia Galega (RAG) nun pleno ordinario. Desde a entidade resaltan o gran labor na difusión da lingua e cultura galega que fixo Moreno desde que en 1963 chegou a Galicia e como foi unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil. "Non coñezo a ninguén tan comprometido coa causa da lingua galega coma ela que destacou polo seu labor de apostolado desde os anos 60", resaltou o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, un dos promotores desta candidatura que acadou, en segunda ronda, a maioría dos votos, fronte ós outros catro aspirantes que nesta ocasión eran Ricardo Carballo Calero, Plácido Castro, Antón Fraguas e Eusebio Lorenzo Baleirón. "É un recoñecemento a unha galega de nación consciente, é dicir, xente de fóra que se converte en nosa", engadiu o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes.

Nada na localidade cacereña de Valencia de Alcántara en 1941 chegou a Galicia cando tiña 22 anos da man do seu marido, un home invidente "que era director do colexio de cegos de Pontevedra", segundo recordou onte Alonso Montero. Pese a que o galego non foi a súa lingua materna, rapidamente converteuse nunha grande defensora deste idioma que ensinaba nas clases semiclandestinas que impartía nos anos 70 en Pontevedra, Vilagarcía e Ourense.

Ademais aproveitaba as súas clases oficiais de Lingua e Literatura españolas en institutos para "transmitir a paixón pola lingua e cultura galegas". Precisamente desde a RAG destacan que grazas a adicarlle o Día das Letras, a cidadanía coñecerá como moitos dos seus alumnos se convertiron en célebres autores como o poeta Xesús Rábade Paredes ou a escritora Fina Casalderrey.

Para a elección de Moreno -a primeira muller en dez anos desde que en 2007 se adicara o día a María Mariño- a RAG tamén tivo en conta a súa influencia na literatuta galega coas súas obras, especialmente as dirixidas a nenos e mozos, pero que abarcan tamén o ensaio, a poesía e a didáctica da lingua. A estremeña estreouse en galego coa obra Mar adiante en 1975 o que a converteu nunhas das pioneiras na literatura infantil e xuvenil en galego. "As veces parece que as narracións infantís ou xuvenís son de segundo nivel, pero para nada. Un exemplo é o Lazarillo de Tormes e a obra desta autora", resaltou Alonso Montero.

Por último, hai que subliñar queo pleno ordinario da RAG tamén aprobou designar Académica de Honra a escritora Marina Mayoral. "Destaca a súa extensa obra (18 novelas, sete obras de narracións breves e sete ensaios, un deles sobre Rosalía) e pola súa difusión da cultura galega en universidades de varios países", sinalou Xosé Luís Franco. Ademais no pleno aprobouse designar sete novos académicos correspondentes: Takekazu Asaka, Marcos Bagno, Olga Castro, Helena González, Kirsty Hooper, Helena Villar e Helena Zernova.