Olalla Cociña recibiu onte o XIV Premio de Poesía Afundación polo seu poemario "Vestir a noite". No acto tamén se presentou a publicación da obra, que acaba de ver a luz na colección Arte de Trobar. Cociña recibiu no acto os parabéns do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen salientou "a necesidade de contar con iniciativas que lle garantan á poesía -un xénero de lectura cun público restrinxido- o lugar que lle corresponde no sistema literario". Afundación, o Centro PEN Galicia e a Consellería de Cultura e Educación promoven este certame, dotado con 6.000 euros e a edición da obra gañadora.