A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, fixo entrega dos primeiros premios Sofía Novoa Ortiz convocados pola institución provincial para galardoar a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster e impulsar o estudo e a investigación en materia de igualdade. Neste contexto, Carmela Silva manifestou que "a igualdade repercute en beneficio do progreso e do benestar do conxunto da sociedade polo que é fundamental promover que dende o coñecemento, a investigación e a análise universitaria se incorporen os seus principios".

Silva agradeceu a elevada participación nos Premios Sofía Novoa Ortiz, "cun total de 22 traballos presentados, once para cada unha das dúas categorías: fin de grao e máster" e aproveitou a ocasión para recordar os principais fitos da vida de Sofía Novoa Ortiz e o que supuxo esta muller pioneira para o acceso ó sistema universitario das mulleres.

Pola súa banda Isaura Abelairas foi a encargada de dar lectura ao fallo do xurado dos galardóns, aos que foi candidato o alumnado dos campus de Vigo e de Pontevedra da Universidade de Vigo, que estivo presidido pola deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra e integrado pola deputada de emprego, Montse Magallanes, a profesora de didáctica das ciencias experimentais na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo en Pontevedra María Álvarez Lires e a profesora de filosofía na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense Purificación Mayobre.

En concreto, e na modalidade de traballo de fin de grao, outorgáronse dous premios de 1.000 euros aos traballos de Laura Serén García (de Pontevedra) e Cristina Gandón Villar (de Cangas), respectivamente "A asemblea como recurso educativo para fomentar a igualdade entre os sexos na educación primaria" e "El lenguaje icónico en los libros de texto desde una perspectiva de género y su evolución desde EGB hasta Primaria" ademais dun accésit de 600 euros para "Impacto psicosocial en la mujer mastectomizada: rol de enfermaría", traballo de Carla Novo (de Vigo).

Pola outra banda, os traballos de Lucía Pereyra García (de Pontevedra) e Isabela Andrés Alonso (de Ourense), isto é, "Evolución da linguaxe non sexista e papel da muller en dous libros de texto de historia (1989 e 2015)" e "There are no ugly women, only lazy ones", foron os que levaron os dous premios de 1.000 euros na modalidade de traballo fin de máster e, xunto a eles, o accésit de 600 euros foi outorgado a "Igualdad de género: un análisis longitudinal de las imágenes en los libros de enseñanza secundaria obligatoria y el bachillerato unificado polivalente", de Andrea Álvarez Rodríguez (de Vigo).