O programa mariñeiro da Televisión de Galicia (TVG) Ribeiras de Salitre estará hoxe no porto coruñés de Camariñas, un enclave protexido polo inmenso cabo Vilán e o seu faro, onde os 300 mariñeiros asociados á súa confraría traballan a nasa o cerco, o enmalle, o marisqueo a pé e a flote e o percebe. Nesta zona, o presentador X. H. Rivadulla coñecerá o matrimonio composto por Yaqui Lista e Tono Pasantes, quen saen en parella ao mar. Alí tamén falará con Cristina Fernández, a fareira do Cabo Vilán, unha muller namorada do seu oficio e defensora dos faros debido á súa importancia histórica e actual para a navegación.

O programa terá un espazo reservado para a gastronomía, e neste apartado, María Pose, unha mariscadora retirada, convidará os reporteiros a comer na súa casa polbo encebolado e camaróns. Na sección musical, darán a nota Os Panchos de Jolfendro, que interpretarán no templo de San Xurxo cantigas mariñeiras. Tamén entrevistará a Estrella Lema, presidenta das mariscadoras de Camariñas, Aurora Brión, palilleira e percebeira, e mais a Lola Bermúdez, patroa maior da confraría do lugar.

A canle autonómica tamén emite hoxe unha nova entrega de Grandes Lugares, na que os reporteiros farán un percorrido por Santo Tomé de Lourenzá e pola parroquia de Verdes, no concello de Coristanco. Santo Tomé de Lourenzá é unha parroquia da comarca luguesa da Mariña Central moi coñecida polas súas afamadas fabas. Esta terra é produtiva e moi rica, xa que se dá de todo. Neste programa, os reporteiros irán apañar fabas con Roberto, un dos grandes productores da comarca.