Unha visita á Fundación Neira Vilas, en Gres, é coma se un aínda poidera escoitar as teclas da máquina de escribir que empregaba o insigne literato para dar forma ás ducias de obras coas que tantas xeracións aprenderon a amar tanto a lectura coma o rural. Onte, dalgún xeito, volveuse oir o teclear da máquina, máis que nada porque Neira Vilas dalgún xeito segue vivo a través dos actos que organiza a fundación. Cumpríase un ano do seu pasamento, e a entidade quixo organizar unha mesa redonda con motivo da reedición do monográfico que a revista Raigame, editada pola Deputación de Ourense, lle adicou en 2011 co motivo do 50 aniversario da publicación de Memorias dun neno labrego.

Pero esta reedición ten addendas de xente que o coñeceu moi de preto, como o presidente da fundación, Luis Reimóndez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, ou un dos sobriños do escritor, Fernando Redondo Neira, así como un poema de Rosalía Merlán, que foi escrito expresamente para Neira Vilas hai tempo.

Reimóndez e García formaron parte da mesa redonda na que tamén interviron Manuel Doval, Xulio Fernández e Carlos Seijo.