Nos países anglosaxóns, os programas como o que vai por en marcha a Fundación Meniños levan dúas décadas funcionando e amosando as súas consecuencias positivas. "Hai mesmo estudos lonxitudinais de máis de 15 anos, que seguiron aos fillos e fillas de mulleres que participaron neste tipo de programas, amosando uns efectos realmente impresionantes en canto a saúde mental, física e social", sinala Permuy.

No caso das nais, sábese que se reducen nun 79% os casos de abuso infantil e de neglixencia no coidado dos fillos; e nun 44% os problema de abuso de alcohol e drogas. Ademais, durante o embarazo, as mulleres melloraron a calidade da súa dieta e fixeron un uso máis axeitado e eficiente dos servizos sociais. "É importante sinalar que este tipo de programas teñen unha eficiencia económica importantísima -manifesta a directora xeral de Meniños-, e nos casos estudados, diminuíu a percepción de axudas sociais en 39 meses de media".

No caso dos rapaces, chegada a adolescencia as cifras arroxan un 56% menos de arrestos policiais, un 60% menos de fuxida do fogar, así como un menor consumo de alcohol e drogas.