A chegada ao mundo dun pequecho non sempre vén acompañada dun sentimento de ledicia. Ao contrario: en situacións de vulnerabilidade, un embarazo pode significar para a muller un importante factor de estrés, o que vén dificultar a creación do vínculo san e protector que debe haber entre a nai e o fillo por nacer.

Co pano de fondo da Ley Orgánica de modificación do sistema de protección da infancia e adolescencia aprobada o ano pasado, que incluía o concepto de risco prenatal na lexislación española, a Fundación Meniños e a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, porán en marcha o vindeiro mes de xaneiro un programa piloto de atención prenatal e perinatal para familias en dificultade social, de carácter voluntario.

O obxectivo é actuar en casos de neglixencia que poidan derivar en maltrato prenatal e, unha vez que o neno naza, nunha posible entrada do pequeno no sistema de protección de menores. "Estas situacións de atención inadecuada poden ocasionar graves danos nos cativos non só no momento do nacemento senón ao longo de toda a vida", afirma Mónica Permuy, directora xeral de Meniños.

Neste sentido, as investigacións coinciden en que unha ruptura na relación temperá do apego ou unha relación de apego perturbada, teñen grande influencia como factores de vulnerabilidade para o desenvolvemento dun grande abanico de trastornos psiquiátricos na idade adulta.

Pola contra, a intervención no embarazo e os primeiros meses de relación entre a nai e o fillo teñen unha grande influencia sobre o comportamento do menor e tamén sobre o da nai.

O programa piloto, que se levará a cabo en Santiago de Compostela ao longo de doce meses, está dirixido a mulleres en situación de vulnerabilidade, ben porque viven nun entorno familiar sometido a situacións de alto estrés (ausencia de apoios, situación económica precaria; desemprego de longa duración...), ben porque se atopan en situación de marxinación ou sofren problemas de saúde mental ou drogadicción. Tamén está pensado para adolescentes embarazadas, mulleres que sufriron malos tratos na infancia ou aquelas familias que teñen abertos expedientes de protección de menores con outros fillos.

"Normalmente, o maltrato prenatal -apunta Permuy- non é un acto voluntario, senón que xorde como consecuencia dunhas condicións de vida vulnerables".

Para detectar ás beneficiarias, a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, conta co seu propio Equipo Técnico de Protección de Menores, pero ademais contan coa colaboración da Consellería de Sanidade. "É importante termos en conta os centros de saúde de atención primaria, onde poderán ser informadas sobre este novo recurso a mulleres susceptibles de participar que detecten os profesionais sanitarios", afirma Amparo González, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

No proxecto tamén colaborará a Facultade de Enfermería da Universidade de Santiago de Compostela. "Queremos contar coas matronas, xa que o obxectivo é ofrecer unha intención moi integral, de carácter psicolóxico, social, educativo e tamén de coidados físicos", explica Permuy.

Intervención psicosocial

En total, serán 25 as mulleres que poderán beneficiarse do programa, " de tal xeito que poidan vivir o seu embarazo sentíndose seguras e protectoras", di Permuy.

Co fin de xerar o contexto de coidado necesario para que estas mulleres -e as súas parellas ou persoas de apoio, de estar presentes- vivan as condicións prenatais e de posparto axeitadas para a formación do vínculo afectivo co bebé, o programa tense deseñado sobre as bases teóricas da teoría do apego e o enfoque de resiliencia e bos tratos. "Trataremos de adestrar, educar, asesorar, informar a estas mulleres a través dunha intervención psicosocial especializada, de xeito que poidan afrontar os coidados da maternidade pero tamén os coidados cara si mesmas", explica a directora da Fundación Meniños.

O proxecto contempla a intervención individual pero, sobre todo, a grupal. "Deste xeito podemos utilizar todo ese poder do grupo, que se convirte nunha sorte de caixa de resonancia de factores positivos", relata Permuy, quen explica que existen instrumentos xa moi desenvolvidos para avaliar a situación das mulleres participantes no que respecta á súa capacidade resiliente e de vínculo, así como técnicas para estimular estes dous aspectos, xerar patróns de relación positivos que sexan incompatibles co maltrato, e mellorar as capacidades que teñen para responder ás necesidades emocionais de seus fillos.

Ao ser de carácter prenatal pero tamén perinatal, as mulleres seguirán a ser atendidas unha vez nazan os seus fillos. "Cremos que é un programa necesario, pola prioridade que dende a Consellería lle damos á infancia e ás familias que están en situación de vulnerabilidade", apunta a directora xeral de Familia. "Unha vez posto en marcha poderemos ver cal é a demanda real de mulleres embarazadas que recorren a el. Se funciona, a nosa idea é implantalo nas sete grandes cidades", adianta.

Pola súa banda, Permuy manifesta a ilusión que esperta a posta en marcha do programa en Meniños. "Pola experiencia de aplicación noutros países, sabemos que este programa é efectivo e temos confianza plena en que se van replicar os resultados. Ese será o indicador máis importante para que a Consellería poida decidir a súa continuidade".

A directora xeral da fundación tamén apunta á eficiencia social de recursos deste tipo, que actúan en situacións de risco "para evitar que deriven en problemas de saúde mental ou exclusión social que no futuro terán un custo difícil de controlar no noso sistema de protección social".