- Unha das afirmacións máis polémicas que Vde. fai na súa obra é a da "inexistencia" da Xeración Nós. Quixera que nos explicara tamaño "atrevemento".

- O de "Xeración Nós" foi un invento fabricado nos anos 50/60 polo grupo Galaxia. De feito, quenes utilizaron por vez primeira esta expresión foron Ramón Lugrís e Ramón Piñeiro, ambolos dous significados membros deste grupo. Pero os contemporáneos de Nós nunca utilizaron o termo de "xeración". Se algo caracterizoiu ás Irmandades e ao movemento galeguista da época foi a pluralidade de proxectos, polo tanto se se opta por englobar todo baixo o paraugas da Xeración Nós da a sensación de que os Otero Pedrayo, Risco e Castelao tiñan unha especie de concentración de todo o poder cultural, o cal non é exacto nin moito menos Porque había efectivamente un Grupo Nós (Risco, Pedrayo, Cuevillas e até o citado Castelao, mais éste só nun primeiro momento), pero dentro do galeguismo, con ser importante, esa non era a única dirección, a única tendencia, senón unha máis delas dentro dunha serie de proxectos culturais e políticos que competían nunha sociedade democrática que ía camiño dun desenvolvemento que, como xa dixen, quedou truncado en xullo de 1936.

- Que razóns levaron a Ramón Piñeiro e aos de Galaxia a empregar ese termo?

- Dende logo, non foi nada inocente, senón que foi a marca que usou o grupo Galaxia para explicar o seu propio proxecto. Simplesmente ocorreu que a Galaxia lle pareceu oportuno facelo así, xa que esa tendencia das Irmandades da Fala era a que cadraba mellor co que eles pretendían facer. E conste que isto no é unha crítica a Galaxia, nen moito menos, nen sequera unha opinión persoal, senón a constatación duns feitos probados e comprobados.