A Consellería de Cultura e Educación celebrou a decisión tomada onte polo plenario da Real Academia Galega (RAG) de nomear ao escritor ourensán Carlos Casares como homenaxeado para o Día das Letras 2017. Segundo trasladou o departamento autonómicopor medio dun comunicado, a ampla produción bibliográfica do autor convérteo nunha "das personalidades máis importantes da cultura galega" das últimas catro décadas, e por conseguinte, merecedor deste nomeamento.

Cultura destacou, así mesmo, a faceta de Casares como crítico literario e escritor, coa sinatura de obras como Vento Ferido (1967) e Os mortos daquel verán (1987), entre outras publicacións "de grande valor para a cultura galega". Ademais, recordou o labor do autor de Xinzo de Limia como director da editorial Galaxia e da revista Grial ata o mesmo día do seu falecemento.

O departamento que dirixe Román Rodrígueza avanzou que comezará a traballar coa RAG e co Consello da Cultura Galega, a Fundación Carlos Casares e a propia familia do escritor, para difundir a figura do homenaxeado.

"É a historia de Galaxia"

Tamén Galaxia aplaudiu a elección de Carlos Casares como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, xa que, "sen a súa obra literaria e o seu facer intelectual" non se podería entender a historia desta editorial, que presidiu entre 1986 e 2002.

"Todos os Días das Letras Galegas son importantes pero este, para a Editorial Galaxia, o é moito máis, porque Carlos Casares é a historia de Galaxia e non se pode entender Galaxia sen a súa obra literaria e facer intelectual", destacou a empresa a través dun comunicado.