Como explicar Galicia en cen obxectos? Ese é o cerne dunha exposición que acollerá proximamente Santiago de Compostela e que trata de revelar a identidade do país cunha selección de cen obxectos destacados do pasado de Galicia, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado. Foron seleccionados pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, do territorio, da sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo.

Baixo o nome "Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura", a mostra inaugurarase o vindeiro martes -10 de maio- na sede de Afundación en Compostela.

É unha exposición organizada polo Consello da Cultura galega, coa colaboración de Afundación e Abanca, que constrúe un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior. Como avance, FARO ofrece unha selección de cinco pezas que integrarán a exposición, comentadas sucintamente por expertos. Trátase das obras "Navallada a Galicia", que amosa un documental sobre a construción da AP-9; o Herbario do padre Merino e a súa pegada e importancia para a botánica e a ciencia galega; un arcón conxelador, como símbolo de progreso e melloras na economía (e alimentación) doméstica; a botella de Mondariz, pola historia do balneario e o seu deseño e unha cámara de Virxilio Viéitez, testemuña da revolta fotográfica operada en Galicia.

A exposición contará tamén cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles, así como unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio.

Na construción deste relato amósanse desde obxectos de gran valor artístico ou referencial ata útiles da vida cotiá; con todo, a exposición non seguirá un discurso cronolóxico tradicional, senón que procurará que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos, segundo a organización.

A exposición "Galicia 100" está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.

Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido "A History of the world in 100 objects", que foi adaptado e seguido noutros contextos como Irlanda. Agora, seguindo os principios desta proposta, o Consello da Cultura Galega ofrece unha lectura en clave transversal e histórica, que abrirá as portas ao público o vindeiro día 10 de maio en Santiago.