Pola súa banda o Mosteiro de Sobrado dos Monxes ten unha clara implicación co Camiño, dado o seu papel complementario de albergue de peregrinos. Trátase dun BIC cun altísimo interese derivado dos seus valores históricos, artísticos arquitectónicos, relixiosos e naturais que o converte no principal recurso turístico da bisbarra.

A intervención prevista superará o millón de euros, a executar en varias anualidades, e ten como obxecto corrixir os deterioros derivados da entrada ou presenza de auga ou humidade non desexada no inmoble, así como realizar un estudo básico do inmoble e das súas necesidades de cara á súa conservación e elaboración de outro para a conservación preventiva do monumento. Así mesmo, e aos efectos de completar os usos culturais e públicos vinculados á igrexa e o claustro dos Cabaleiros, o proxecto definirá a actuación necesaria para acondicionar como biblioteca o espazo utilizado pola comunidade como capela e hoxe baleiro de contido.

A cidade lucense

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia lembrou ademais as melloras previstas para a Muralla de Lugo, monumento que acumula desde 2009 un investimento de máis de 3,3 millóns de euros por parte do Goberno galego. Neste 2016 continuarase co desenvolvemento do Plan de mantemento da Muralla de Lugo, e está xa en tramitación a adxudicación das obras no cubo VI, que consisten na consolidación estrutural dos paramentos deste monumento nun tramo situado á altura da rúa Ourense e afectado por problemas de deterioro da cachotaría e a aparición de fisuras.

Museo Diocesano

"Ademais -lembrou Román Rodríguez-, na cidade de Lugo vimos de asinar un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio", un acordo que permitirá salvagardar o patrimonio histórico e artístico moble deste territorio episcopal que abrangue concellos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

Finalmente Rodríguez González cualificou as intervencións anunciadas como "só é o principio" de todas as actuacións que se poderán realizar para aproveitar esta oportunidade para o progreso e o crecemento intelixente de Galicia. Así mesmo explicou que esta declaración é unha grande responsabilidade, sinalando que é necesaria unha ampla implicación de toda a sociedade galega no coidado do noso patrimonio.